top of page

O actor Carlos Blanco será o pregoeiro da L Festa da Empanada da Bandeira

O Bandeirock abrirá as celebracións o xoves 20 con Rebeliom do Inframundo, Loita Amada e Javi Maneiro como cabezas de cartel

Laura Moure/Silleda

A vila da Bandeira prepárase para celebrar unha edición histórica da súa festa máis emblemática. A L Festa da Empanada, declarada de Interese Turístico Nacional, desenvolverase do xoves 20 ao domingo 23 de agosto próximos cun amplo programa de actividades gastronómicas, musicais, culturais e tradicionais.


A programación foi presentada este sábado na praza da vila nun acto organizado pola

Asociación Amigos da Empanada da Bandeira, presidida por Manuel Cuiña. Na presentación participaron tamén a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández; a directora de

Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra, Romina Fernández, e o secretario xeral

de Política Lingüística, Valentín García, en nome da Xunta de Galicia.


O acto serviu para descubrir os carteis desta edición e para realizar un percorrido pola historia da celebración, coa exposición dos carteis das cincuenta edicións da Festa da

Empanada. Unha mostra que permite comprobar a evolución gráfica, cultural e festiva dunha cita que forma parte da identidade da Bandeira e que cada ano atrae milleiros de persoas.


O cartel principal da L edición foi creado pola artista silledense Tania Cuiña, que reinterpreta unha das imaxes máis recoñecibles da Capela Sixtina: A creación de Adán, de Miguel Anxo. Na composición, a empanada convértese no elemento que une as dúas mans, nunha homenaxe artística, orixinal e simbólica ao prato arredor do que naceu a festa.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Durante a presentación, Manuel Cuiña agradeceu o apoio das administracións públicas, das empresas patrocinadoras, do tecido comercial, das asociacións, das persoas socias e de toda a veciñanza que colabora na organización. O presidente de Amigos da Empanada

destacou especialmente o traballo colectivo realizado ao longo de medio século para facer medrar unha celebración que hoxe conta co máximo recoñecemento turístico estatal.


O acto central

O actor, humorista, autor e director galego Carlos Blanco será o encargado de pronunciar o pregón da Festa da Empanada o sábado 22 de agosto. Cunha ampla traxectoria no teatro, no cinema, na radio e na televisión, Blanco é un dos rostros máis populares da escena galega, coñecido tamén pola súa faceta como monologuista e pola súa participación e producións como Mareas Vivas ou Fariña.

Carlos Blanco será o pregoeiro.
Carlos Blanco será o pregoeiro.

O acto central da L edición comezará ás 18.00 horas e estará presentado por Cristina

Collazo e Josito Porto. Contará coa actuación da Asociación Cultural Xirandola, o tradicional concurso de empanadas, o pregón de Carlos Blanco e a posterior poxa das pezas premiadas, que volverá estar conducida por Pepe Ayude.


As empanadas participantes no concurso poderán entregarse a partir das 16:00 horas. Un

xurado profesional valorará as propostas presentadas nas categorías afeccionada e profesional, tendo en conta aspectos como o sabor, a presentación e a orixinalidade.


A xornada continuará ás 22:00 horas coa tradicional e multitudinaria cea de peñas, amenizada por Leña Verde e Os Atrevidos. A partir da medianoite, a verbena correrá a

cargo das orquestras Olympus e París de Noia no entorno da carballeira.


A ruta da empanadilla e o Bandeirock abren a programación

As celebracións na vila comezarán o xoves 20 de agosto ás 18:00 horas coa XIV Ruta da

Empanadilla polos bares da vila, amenizada pola charanga local Os Gominolas.


Ás 20:30 horas, a Carballeira da Pomba acollerá a 24ª edición do Bandeirock, un festival

con entrada de balde que reunirá propostas destacadas do rock, o rap e a música alternativa galega.


O cartel estará integrado por A Banda no Rock, -concerto didactico da compañía local A Cova das Letras con Cristina Collazo Josito Porto e a Banda da Bandeira- Rebeliom do Inframundo, Arrhythmia, Loita Amada, Javi Maneiro, (estes dous últimos a través do

programa Máis Música) Marela e Storrentos. Rebeliom do Inframundo levará á Bandeira o seu rap combativo en galego, mesturado con electrónica, rock e elementos da música

tradicional, mentres Arrhythmia achegará a potencia do seu metal alternativo.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A presenza de Javi Maneiro, unha das voces máis recoñecibles do rock galego, de Loita

Amada co seu rock comprometido e do grupo local Marela reforza unha programación que

combina nomes consolidados con formacións vinculadas á escena musical máis próxima.


O Esmorga Folk chega á súa XXXVI edición

O venres 21 de agosto estará dedicado á música de raíz. A programación comezará ás

17:00 horas con xogos tradicionais a cargo de Sororas e continuará ás 18:00 horas co XII

Campionato de Tiro á Corda, que se celebrará na rúa Xeral.


A partir das 20:30 horas, a Carballeira da Pomba converterase no escenario da XXXVI

edición do Esmorga Folk, un dos encontros máis veteranos e recoñecidos da música

tradicional galega.


O cartel reúne a Cantos da Terra, A Banda da Loba, De Vacas, Xabier Díaz & Adufeiras de

Salitre, L.A.W., Mediarea e As Estraloqueiras. Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre chegarán cunha proposta que parte da música tradicional e da percusión para explorar novas sonoridades. A Banda da Loba presentará o seu universo musical e poético, cunha proposta que mestura pop, folk e letras comprometidas. Pola súa banda, De Vacas achegará as súas características versións en galego, marcadas polo humor, as harmonías vocais e unha posta en escena teatral e reivindicativa.


Tradición e música de banda para pechar as festas

O sábado 22, antes dos actos centrais da Festa da Empanada, celebrarase ás 12:00 horas

a misa e procesión. Ás 13:00 horas terá lugar o concerto da Banda de Veteranos da Bandeira.

PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O domingo 23 estará dedicado especialmente ás bandas de música. Ás 11:30 horas haberá pasarrúas a cargo da Banda de Música Municipal de Silleda e da Banda Artística de Merza.


Ás 12:00 horas celebrarase a misa cantada polo Coro Vales Mahía e, ás 13:00 horas, ambas as formacións ofrecerán un concerto.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A programación rematará ás 20:00 horas cun concerto conxunto da Banda Recreativa e

Cultural da Bandeira, a Banda de Música Municipal de Silleda e a Banda Artística de Merza.


Á medianoite, unha sesión de fogos de artificio porá o punto final aos catro días de

celebración.

PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

A alcaldesa, Paula Fernández, destacou durante a presentación “a enorme dimensión

 cultural, social, turística e económica dunha festa construída durante cincuenta edicións

grazas ao traballo de moitas xeracións”. “Falamos dunha celebración que identifica á Bandeira e a todo o municipio de Silleda, que proxecta a nosa gastronomía e que soubo medrar sen perder a súa esencia. Esta L edición é unha oportunidade para recoñecer ás persoas que fixeron posible este camiño e para seguir mirando ao futuro”, sinalou.


Fernández reiterou o apoio do Concello á Asociación Amigos da Empanada e agradeceu o

esforzo realizado para ofrecer unha programación “ambiciosa, diversa e aberta a todos os

públicos”, arredor dunha festa que combina gastronomía, cultura e tradición.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page