O achado da necrópole medieval da Praza da Igrexa abre unha nova fiestra á historia de Silleda
Patrimonio destaca o interese histórico e arqueolóxico do achado e trabállase en medidas que permitan compatibilizar a reforma da praza coa conservación dos restos
Laura Moure/Silleda
O descubrimento da necrópole medieval durante os traballos arqueolóxicos da Praza da Igrexa permitirá recuperar unha parte ata o de agora descoñecida da historia de Silleda e achegar novos datos sobre as orixes e a configuración histórica do actual casco urbano.
Dúas técnicas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pertencentes á sección do Camiño de Santiago, visitaron onte o xacemento acompañadas polo arqueólogo silledense Israel Picón, director da intervención que está a desenvolver a empresa A Citania Arqueoloxía.
Durante a visita púidose comprobar sobre o terreo o alcance dos primeiros achados. As técnicas trasladaron o importante interese histórico e arqueolóxico das estruturas funerarias localizadas e analizaron co equipo arqueolóxico os pasos que deberán darse a partir de agora.

A previsión é que as obras de reforma poidan continuar, incorporando as medidas técnicas e as adaptacións necesarias para compatibilizar a actuación coa preservación dos restos medievais, se ben o Concello continúa á espera das directrices definitivas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Delimitar, documentar e protexer a necrópole
Os traballos arqueolóxicos continuarán agora coa escavación manual da área, baixo control arqueolóxico tamén do material que se vaia retirando. O obxectivo inmediato é completar a delimitación en planta da necrópole para coñecer con precisión a súa extensión. Unha vez delimitada, procederase á súa limpeza, documentación e levantamento topográfico, deixando un rexistro completo das estruturas localizadas.
Posteriormente está previsto proceder ao tapado e protección dos restos, mediante unha solución que garanta a súa adecuada conservación, antes de avanzar na execución da reforma da praza nas condicións que finalmente estableza Patrimonio Cultural.
Deste xeito, a actuación permitirá conxugar dous obxectivos: preservar este novo testemuño da historia de Silleda e continuar coa recuperación urbana da Praza da Igrexa, que contempla ademais o rebaixe da cota deste espazo e a recuperación dunha fisionomía máis integrada coa contorna.
Novas pistas sobre a Silleda medieval e recuperación do espazo orixinario
O descubrimento cobra especial relevancia polo que pode achegar ao coñecemento das orixes da vila. As referencias históricas sitúan unha igrexa anterior dedicada a Santa Baia xa en época medieval, arredor de mediados do século XII. A hipótese coa que se traballa é que o actual templo, levantado a mediados do século XIX, puido construírse sobre aquela primitiva igrexa ou moi próximo á súa localización.
PUBLICIDADE
A presenza dunha necrópole medieval nesta mesma contorna achega agora novas evidencias arqueolóxicas da ocupación deste espazo durante a Idade Media e da existencia dun núcleo relixioso e funerario ao pé do Camiño de Santiago.
O achado resulta tamén especialmente significativo porque se convertería no primeiro xacemento arqueolóxico documentado no actual casco urbano de Silleda, máis alá da mámoa que existiu na contorna do antigo ambulatorio e que foi destruída na década dos anos 80. A necrópole constituiría así un dos escasos vestixios coñecidos que permiten achegarse directamente ás etapas máis antigas da formación da vila.
Así mesmo, este achado ven a confirmar que a necrópole estaría nunha cota inferior, co que o proxecto para rebaixar o parque da praza da Igrexa tamén supón unha recuperación da traza orixinaria desta parte da vila silledense.
A arqueoloxía, tamén como oportunidade educativa
Unha vez finalizada a retirada dos restos óseos de cronoloxía contemporánea correspondentes ao antigo cemiterio parroquial, o Concello quere aproveitar tamén a aparición da necrópole como unha oportunidade para achegar o patrimonio e o traballo arqueolóxico á comunidade educativa.Por este motivo, mentres as condicións da intervención o permitan e sempre baixo as indicacións dos profesionais responsables, o Concello convidará aos centros educativos de Silleda a visitar a zona do xacemento, para que o alumnado poida coñecer de primeira man como se desenvolve unha escavación
arqueolóxica, como se documentan os achados e que información poden proporcionar sobre a historia dunha localidade.
Antecedentes
A aparición da necrópole prodúcese no marco da intervención arqueolóxica contratada polo Concello tras localizarse, a finais de agosto, restos óseos durante os movementos de terras da reforma da Praza da Igrexa.
PUBLICIDADE
A obra contaba previamente coa correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O informe inicial indicaba que, a priori, a actuación non afectaría ningún xacemento arqueolóxico coñecido e establecía a comunicación inmediata a Patrimonio no caso de aparecer restos.
O Concello comunicou o achado o 24 de agosto, nada máis ter coñecemento da situación. A Dirección Xeral estableceu posteriormente a realización dunha intervención arqueolóxica de urxencia, que foi contratada polo Concello e adxudicada a A Citania Arqueoloxía.
Nos últimos días rematou a retirada dos restos óseos de época contemporánea vinculados ao antigo cemiterio e continuará tamén o cribado e revisión baixo control arqueolóxico da terra extraída durante a fase inicial das obras, conforme ás indicacións de Patrimonio.
Foi precisamente durante estes traballos especializados cando se identificaron as estruturas funerarias que agora están sendo estudadas como unha posible necrópole de cronoloxía medieval.
O Concello continuará coordinándose coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e co equipo arqueolóxico para adoptar as solucións que permitan protexer este novo patrimonio, avanzar no coñecemento da historia de Silleda e dar continuidade á reforma da Praza da Igrexa coas máximas garantías.









Comentarios