top of page

O 6 de marzo remata o prazo para participar no certame do Enreguéifate

O concurso e mailo proxecto son impulsados polos servizos de normalización lingüística dos Concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo


Laura Moure/Arzúa

Tras unha edición de récord, na que foron impartidos máis de cen obradoiros escolares de improvisación oral, o proxecto Enreguéifate convida agora á poboación escolar e á cidadanía de toda Galicia a participar no seu certame de regueifas en vídeo, cuxo prazo de inscrición pecha este mesmo venres. O certame e mailo proxecto son impulsados polos servizos de normalización lingüística de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo e teñen como obxectivo espertar a curiosidade pola improvisación oral en galego, sobre todo entre a mocidade, contribuíndo no proceso á boa saúde da regueifa, unha parte do noso patrimonio oral que experimentou nos últimos anos un grande crecemento en popularidade.

De aquí ao venres, 6 de marzo, quen o desexe pode participar enviando un ou máis vídeos cunha duración máxima de tres minutos, nos que aparezan cando menos dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre. A inscrición deberá realizarse a través da web do proxecto, www.enregueifate.gal, onde se poden consultar as bases completas.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O certame conta con dúas categorías: unha escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios, e outra xeral, onde calquera persoa pode participar independentemente da súa idade e condición. Como en edicións anteriores, outorgaranse oito galardóns por cada categoría, que recoñecerán a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. A entrega de premios terá lugar na gala do xoves, 16 de abril, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra e na que, como cada ano, serán convidadas as persoas e as aulas gañadoras do certame.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

Baixo o lema Versos doutro universo, esta novena edición do Enreguéifate reforza o carácter expansivo, inclusivo e integrador da regueifa, como o demostra a recente adhesión do concello de Arzúa ao proxecto, nas súas arelas por construír espazos de socialización, expresión e comunidade na nosa lingua para a xente moza.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page