O 29 de novembro celébrase en Lalín o XI Congreso do Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas
- Laura Moure

- hace 8 minutos
- 4 Min. de lectura
A programación da mañá ocorrerá a porta pechada e ás 16:00 horas, coa anunciación da nova Executiva Nacional e Secretaría Xeral, convocaranse aos medios de comunicación
Laura Moure/Lalín
O 29 de novembro o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrará o seu XI Congreso no Auditorio de Lalín. Un evento imprescindíbel para a organización —activa dende 1973— que marcará o porvir dos vindeiros catro anos. O XI Congreso comezará ás 10:30 horas cun acto pechado á afiliación da organización onde se debullarán os catros anos da actividade política e sindical, o relatorio sindical e organizativo. Será ás 16:00 horas, coa anunciación da nova Executiva Nacional e Secretaría Xeral, cando se convoca aos medios de comunicación, hora á que tamén acudirán entidades aliadas aos SLG e se procederá á lectura das resolucións. O XI Congreso do Sindicato Labrego Galego pecharase esa mesma tarde co discurso da persoa Secretaria Xeral.
Durante estes últimos meses realizáronse por todo o país asembleas comarcais de debate e elección das persoas representantes para os vindeiros catro anos. "Nestas asembleas, como na xornada do propio Congreso, debátense as prioridades e necesidades para as persoas labregas e, se algo tiveron en común todas as asembleas comarcais, se en algo estiveron de acordo as ducias de labregas afiliadas o SLG que participamos nestas asembleas, foi na necesidade de organizarse para facer oír a voz das labregas en fronte dunhas administracións públicas que levan anos virándonos as costas e lexislando na nosa contra".

En palabras de Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral da organización dende 2012, “estamos nun momento moi importante, se cadra máis ca nunca para protexer todo o sistema de produción de alimentos que temos en Galiza. Cada vez quedan menos persoas agricultoras, pero a produción de alimentos saudábeis na nosa sociedade debería seguir sendo un obxectivo fundamental”, recalca a gandeira e produtora de faba de Lourenzá”. “Estamos falando de alimentos. Estamos falando de saúde. Estamos falando de conservar o medio rural de conservar a paisaxe e de manter o rural con vida, e temos retos moi importantes e ameazas que están sendo cada vez máis visibles que poñen en perigo o seu futuro”.
Vilalba destaca que, entre as maiores ameazas para o rural galego están a falta de relevo xeracional, as dificultades que os distintos sectores teñen para ter rendibilidade —de aí a importancia de consolidar un sistema de prezos xusto—, e toda cuestión de frear unha burocracia que está afogando as granxas con esixencias que, moitas veces, acaban desanimado totalmente o sector. A isto se lle suman a aparición de novas enfermidades, as perdas asociadas ao cambio climático, e todos os proxectos extractivos con forte impacto que se intentan poñer no medio rural poñendo en perigo a alimentación saudábel para o conxunto da sociedade no futuro.
“O Sindicato Labrego Galego é unha organización imprescindíbel para defender o país: a nosa terra, a nosa paisaxe, a alimentación e a saúde de todos nós, a xustiza social, o noso rural, a nosa cultura..., a nosa lingua e sobre todo á xente que contribúe dun xeito fundamental a todo isto, as labregas e labregos”, engade Vilalba.
"Como di o propio lema do XI Congreso -Fortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro-, as labregas que formamos parte do SLG estamos dispostas a autoorganizarnos para defender o futuro das nosas granxas, o futuro das nosas vilas e aldeas e o futuro das vindeiras xeracións. As labregas do SLG estamos dispostas a dar un paso adiante para poder seguir a producir unha alimentación sa e alimentar o noso pobo, dispostas a organizarnos e loitar por unha Galiza labrega viva e con futuro".
Publicidade
Polo tanto, recalcan que o vindeiro 29 de novembro en Lalín "temos a oportunidade de mostrarlle á sociedade e aos nosos gobernantes que as labregas deste país non nos rendemos. Demandamos ser oídas e tidas en conta en todo o que afecta ao noso modo de vida, en todo o que afecta á Galiza labrega e rural, e que ante os seus continuos ataques, ben por obra ou por omisión, estamos disposta a dar un paso adiante para organizarnos. Co traballo de todas as persoas que formamos parte do SLG CONQUISTAREMOS O NOSO PROPIO FUTURO".
Listaxe de candidatura de quince persoas escollidas no Congreso para formar parte da Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas. "Cómpre puntualizar que estas 15 persoas non son toda a dirección nacional, senón unha parte dela, xa que tamén forman parte as persoas representantes das comarcas e as responsables dos sectores e das secretarías", puntualiza.
Publicidade
TITULARES
1. María Carmen Ferreiros Santos (Teixeiro)
2. Brais Álvarez López (Meira)
3. Isabel Vilalba Seivane (A Mariña - Lourenzá)
4. Xosé María García Vilaverde (Ferrolterra)
5. María Belén Fervenza Couñago (Condado - Paradanta)
6. Xosé Manuel Parente Conde (Allariz - Celanova)
7. Estefanía Jacindo Prados (Lugo centro)
8. Xosé Manuel Calvo Rey (Ordes)
9. Eva Mazás García (Tabeirós - Terra de Montes)
10. Manuel Villaverde Salgueiro (Tabeirós - Terra de Montes)
11. Inés Mirás Vieites (Allariz - Celanova)
12. Samuel Formoso Salgado (A Limia - Monterrei)
13. María del Carmen López Varela (Lugo centro)
14. Daniel Castañal García (Meira)
15. Manola Suárez Pozas (Allariz – Celanova)
SUPLENTES
16. Manuel Moure Montes (Chantada)
17. Begoña Pérez López (Lugo centro)
18. Pablo Álvarez Álvarez (Baixo Miño)
19. Concepción Fernández Méndez (Deza)
20. Santiago Rodríguez Cid (Allariz - Celanova)








Comentarios