O 112 Galicia xestionou 406 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa
Entre elas destacan 8 en Lalín e a caída dunhas pranchas do tellado do Polideportivo Municipal de Melide
Ecos da Comarca/Xeral
O 112 Galicia xestionou 406 incidencias ligadas á meteoroloxía adversa entre as 11 horas do 29 de setembro e as 6 horas do 30 de setembro, nun período no que o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) recibiu 2.122 chamadas.

A provincia da Coruña foi a máis afectada, con 192 incidencias, seguida de Pontevedra (142), Lugo (52) e Ourense (19). Entre os concellos con maior número de actuacións destacaron Vigo (24) e A Coruña (16), mentres que A Estrada e Pontevedra rexistraron 11 incidencias cada un e Bergondo, 9. Boiro, Ferrol e Lalín sumaron 8 incidencias por municipio, e Abegondo, Foz e Redondela, 6.
As dificultades na circulación por árbores e pólas caídas nas estradas concentraron a maior parte das intervencións, con 188 casos. Tamén foron relevantes as actuacións por prevención de riscos (59), os avisos por carteis, pancartas ou sinais de tráfico caídos (34), as incidencias por restos de accidentes ou obxectos nas vías (30) e os avisos por cables de luz ou teléfono afectados (22).
PUBLICIDADE
En canto a incidencias destacadas, non se rexistrou ningunha na que se sufrisen danos persoais. Aínda así, cómpre destacar que un particular contactou co 112 Galicia despois das 16:00 horas pola caída dunhas pranchas do tellado do Polideportivo Municipal de Melide. Pouco despois das 19:00 horas, a Policía Local de Porto do Son informaba de que a un particular voáralle parte da infraestrutura dunha caseta. Por último, en Ribeira, un particular informou de que lle estaba a entrar auga na vivenda, chegando ata os 30 cm de altura, de novo sen que se rexistrasen danos persoais.
PUBLICIDADE
Durante o martes mantívose activa unha alerta laranxa costeira que, inicialmente limitada ao litoral oeste da Coruña, se estendeu despois ao suroeste provincial e a todo o litoral de Pontevedra, xunto cunha alerta laranxa por chuvias no oeste e suroeste da Coruña. Tamén estiveron vixentes alertas amarelas por chuvia e vento en distintas zonas de Galicia. Arestora, todas as alertas por meteoroloxía adversa están desactivadas e a comunidade atópase en situación de normalidade.









Comentarios