Nunca unha placa dixo tanto
- IsmaelRS

- 1 may
- 2 min de lectura
IsmaelRS/Xeral
Hoxe quero falarvos dunha cousa que, se sodes da miña xeración ou un pouco máis maiores, seguro que lembrades con certa nostalxia. Refírome ás matrículas dos coches, pero non as de agora, non. Falo daquelas que levaban a inicial da provincia. C para A Coruña, LU para Lugo, OU para Ourense e PO para Pontevedra. Lémbrades?

E que era unha marabilla! Ías pola estrada, tanto fóra coma dentro de Galicia, e cun simple golpe de vista sabías de onde era aquel coche. Era como un código secreto que todos entendiamos. "Mira, un de Lugo!", "Ai vai, un de Pontevedra!". E se estabas lonxe da casa, nunha viaxe por España adiante, e de repente vías unha matrícula galega... que alegría daba! Sentías unha conexión instantánea, aínda que non coñeceses de nada á persoa que conducía. Era un sentimento de pertenza, de atopar un cachiño da casa en calquera lugar.
Esa identificación creaba situacións moi curiosas. Podías estar nun atasco en Madrid e poñerte a falar co do coche de ao lado só porque levaba unha C na matrícula. Ou nunha área de servizo en Andalucía, escoitar a alguén falar galego e confirmar as túas sospeitas ao ver a matrícula do seu coche. Era unha forma de recoñecérmonos, de saber que compartiamos algo máis que a estrada. Ata servía para facer bromas sas entre provincias, esa rivalidade amigable que sempre existiu.
PUBLICIDADE
Pero dende que se implantou o sistema europeo, con esa franxa azul e os números e letras sen identificación provincial, todo iso perdeuse. Agora todos os coches son anónimos nese sentido. Xa non podemos xogar a adiviñar de onde vén cada un. Perdeuse esa pequena faísca de identidade rexional que nos acompañaba nas nosas viaxes. Sei que pode parecer unha parvada, un detalle sen importancia, pero para min é unha desas pequenas cousas que lle daban cor ao día a día.
PUBLICIDADE
Non sei vós, pero eu bótoo moito de menos. Boto de menos esa sensación de comunidade sobre rodas, ese saúdo silencioso entre paisanos na distancia. Que pensades vós? Tamén tedes esa sensación de nostalxia? Deixádeme nos comentarios as vosas lembranzas ou anécdotas con estas antigas matrículas. Encantaríame lelas.








Comentarios