Novos danos polo mal estado do CEIP de Silleda, co desprendemento do teito na aula de música
O Concello remite á xefatura territorial e a Educación un novo escrito alertando da situación do edificio, que pon en risco a seguridade do personal e do alumnado do centro
Laura Moure/Silleda
O mal estado e as deficiencias do CEIP Plurilíngüe de Silleda continúa a provocar situación de risco no centro, tal e como informa o Concello. "Esta mesma mañá, día no que se retomaba o curso despois das vacacións de Nadal, detectouse un desprendemento no teito da aula do centro no que se imparten as clases de música".

Dende o Concello de Silleda, -que remitiu novamente esta incidencia tanto á Xefatura Territorial como á Consellería de Educación, como titular do centro-advírtese unha vez máis "de que o pésimo estado do centro pon en perigo á comunidade escolar polas gravísimas deficiencias estruturais que presenta". “Por fortuna este desprendemento non pillou a ninguén na aula”, sinala o rexedor, Manuel Cuiña, que reclama unha vez máis una actuación urxente e ambiciosa neste centro.
“Levamos anos pedindo unha reforma integral e incluso un centro novo. Agardamos que ese proxecto da Consellería se faga canto antes, porque como está visto o CEIP de Silleda non admite máis esperas”, apunta o alcalde.
As filtracións, humidades e o mal estado dos baños son só algunhas das deficiencias que presenta o centro, que comezou a funcionar hai 53 anos. Como se vén reiterando dende o Concello é un dos máis antigos e con máis alumnado da comarca, polo que se fai imprescindible levar a cabo unha actuación urxente.








Comentarios