Beltrán Rivas conseguiu a medalla de prata en probas combinadas e Pepe Domínguez foi campión dobre por lanzamento de xavelina e tamén de disco M50
Laura Moure/Deza
O Club Atletismo Deza tivo unha gran fin de semana de colleitas de galardóns. No Campionato Galego de Probas Combinadas celebrado en Ourense, o atleta Beltrán Rivas proclamouse subcampión sub16 cunha gran marca: 3874 pts. En detalle: 7.73 en 60 metros lisos; 6.02 en salto de lonxitude; 12.03 en lanzamento de peso 4kg; 1,81 en salto de altura; 8,64 en 60 metros vallas e 3.09 en 1000 metros. En definitiva, podería chegar a ser récord galego, pero Joel Santana, de Vigo, fixo 4.000 puntos, polo que Beltrán se queda coa segunda mellor marca da historia de Galicia sub16. Cabe puntualizar que o deportista lalinense acadou a mellor marca persoal en todas as probas.

Tamén, na mesma proba, participou Breogán García que acadou unha cuarta posición na categoría sub18 e sumou un total de 3.610pts.
Publicidade
Por outra banda, Pepe Domínguez asistiu ao Campionato Galego Master de Lanzamentos Longos, que se celebrou en Ordes. O deportista lalinense conseguiu ser dobre campión
galego, ao gañar as probas de xavelina e de lanzamento de disco M50.
Finalmente, o Club contou cunha alta representación no control de marcas que houbo durante toda a fin de semana en Ourense e no que se obtiveron bos resultados.
Comments