Nova cita teatral en Arzúa: Xoves 27 de novembro, “Retrincos de Castelao” na Capela da Madanela
- Laura Moure

- hace 7 minutos
- 2 Min. de lectura
Enmárcase na programación do Ano Castelao, coincidindo coa homenaxe no 75 cabodano do ilustre rianxeiro
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa continúa coa programación do Ano Castelao, coincidindo coa homenaxe no 75 cabodano do ilustre rianxeiro, cunha nova proposta escénica que convida a redescubrir a vixencia do seu legado artístico. O xoves, 27 de novembro, ás 20:00 horas, a Capela da Madanela acollerá a representación de Retrincos de Castelao, unha produción da compañía Artefeito, dirixida por Diego Rey e interpretada por Isabel Risco e Fran Rei. O espectáculo está dirixido a público xuvenil e adulto e conta con entrada libre até completar aforo.

A montaxe propón un achegamento ao humor e á humanidade na obra do inmortal autor de Rianxo, figura fundamental da historia e da cultura da Galiza. A través dos seus textos e do traballo actoral de Risco e Rei, Retrincos ofrece un percorrido divertido e reflexivo polo universo creativo de Castelao, poñendo en diálogo o seu pensamento coa Galiza contemporánea.
Publicidade
A obra convida o público a mirar a realidade galega a través dun “ollo de vidro”, que reinventa o xeito de ver o mundo. Desde esa óptica simbólica, Retrincos dálle vida aos homes e ás mulleres que habitaron esta terra, permitindo comprender mellor a nosa historia e o noso presente.
Publicidade
A actividade forma parte da programación municipal do Ano Castelao, coa que o Concello de Arzúa quere render homenaxe a Castelao e poñer en valor a súa vixencia como referente da cultura e da identidade galega, no ano no que se conmemoran 75 anos do seu pasamento.








Comentarios