Non hai puntada... sen fío!
- IsmaelRS

- hace 17 minutos
- 2 Min. de lectura
Ismael RS/Xeral
Hoxe quero falarvos dun oficio que marcou a vida de moitas familias galegas, un oficio que teceu soños, futuro e comunidade: o traballo de costureira. Cantas familias, cantas nais, avoas e fillas puideron saír adiante e levar o pan á casa grazas á costura? É unha cifra incalculable, pero o seu impacto social foi inmenso.

E como non podía ser doutro xeito, a nai do que hoxe vos fala tamén foi costureira. De feito, ela foi unha das primeiras que eu tiven o pracer de ver traballar de preto. Lembro tantas e tantas tardes que pasei entre máquinas de coser, fíos de todas as cores e retallos de tea aló por Camporrapado, no concello de Boqueixón. Ela traballaba nunha cooperativa, xunto con moitas outras compañeiras, mulleres fortes e traballadoras que eran o motor económico non só da súa casa, senón de toda a contorna.
Publicidade
Cando pensamos nisto, dámonos conta de cantas familias podían vivir deste bonito oficio. Non era algo exclusivo das cidades; ao contrario. En cada concello, xa fose en vilas medianas ou grandes, podiamos atopar obradoiros e talleres. Pero o que máis me sorprendía era a gran cantidade de costureiras que había no mundo rural. Era unha industria que melloraba a calidade de vida nas aldeas, que fixaba poboación e que o facía, ademais, sen un gran impacto no medio, integrándose perfectamente na paisaxe e na vida cotiá da nosa xente.
PUBLICIDADE
Hoxe, moitos daqueles locais, daqueles pequenos talleres cheos de vida e do son constante das máquinas, están pechados, en silencio. Moitos deles sen actividade, agardando quizais un novo uso ou simplemente resistindo o paso do tempo. Pero aínda que as portas estean pechadas, eses muros gardan moita memoria. Gardan as risas, as conversas, as preocupacións e a esperanza de xeracións de mulleres que coseron o noso presente. É unha homenaxe a todas elas, as nosas costureiras.








Comentarios