top of page

Nace Xadrez Pintor Colmeiro de Silleda, unha nova iniciativa aberta a toda a veciñanza

12 oct
2 min de lectura

A entidade, impulsada polo profesor Santiago Cerviño, celebra sesións todos os xoves a partir das 18:00 horas nas instalacións do IES Pintor Colmeiro


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda amosa o seu apoio á posta en marcha do novo Club de Xadrez Pintor Colmeiro, unha iniciativa que nace coa vocación de fomentar a práctica desta disciplina no municipio e ofrecer un novo espazo de aprendizaxe, encontro e convivencia aberto a toda a veciñanza. O club, impulsado por Santiago Cerviño, profesor do IES Pintor Colmeiro e natural da Bandeira, ten a súa sede nas instalacións do propio centro educativo, onde se desenvolven as sesións todos os xoves a partir das 18:00 horas.

A actividade está aberta tanto a nenos e nenas como a persoas adultas, independentemente da súa idade, co obxectivo de achegar o xadrez a todas aquelas persoas interesadas en iniciarse nesta disciplina ou continuar perfeccionando os seus coñecementos.


A creación desta nova entidade responde ao interese existente polo xadrez entre alumnado e veciñanza da zona, ofrecendo unha estrutura estable para canalizar esta afección e favorecer a súa práctica regular.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Unha actividade con múltiples beneficios

Dende o Concello de Silleda valórase especialmente a dimensión educativa, social e de benestar desta iniciativa, tendo en conta os múltiples beneficios que pode achegar a práctica do xadrez en todas as etapas da vida.


Trátase dunha disciplina que estimula capacidades cognitivas como a atención, a memoria, a concentración, o razoamento lóxico e a planificación, ao tempo que favorece o desenvolvemento de habilidades como a paciencia, a toma de decisións, a resolución de problemas e o respecto polas normas.


Ademais, o xadrez constitúe unha alternativa de lecer saudable que pode contribuír ao benestar emocional e á socialización, ofrecendo oportunidades para compartir tempo e experiencias entre persoas de diferentes idades. O goberno municipal agradece igualmente a implicación de Santiago Cerviño e a colaboración do IES Pintor Colmeiro para facer realidade esta proposta, que contribúe a ampliar e diversificar a oferta de actividades no municipio.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Sesións todos os xoves

As persoas interesadas en participar poden acudir ás sesións que se celebran todos os xoves, a partir das 18:00 horas, no IES Pintor Colmeiro de Silleda. Para obter máis información ou contactar coa entidade, está dispoñible o correo electrónico xadrezpintorcolmeiro@gmail.com e o teléfono 986 580 904.


Dende o Concello anímase á veciñanza a coñecer esta nova proposta, que abre unha oportunidade para descubrir ou recuperar a afección polo xadrez nun ambiente participativo e aberto a todas as xeracións.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page