top of page

Nace o colectivo Arzúa Sostible para loitar contra a reapertura da mina de Touro polo seu impacto

2 feb 2022
2 min de lectura

Ecos da Comarca/Comarca Arzúa

A Plataforma Veciñal Cornado Mina Non apoia á veciñanza e a diferentes persoas do ámbito social e ecoloxista que a nivel comarcal e galego veñen de organizarse nunha entidade que buscará facilitar o asesoramento e a presentación de documentación administrativa ante o hipotético desenvolvemento dun novo plan extractivo por parte de Cobre San Rafael e Atalaya Mining/Explotaciones Gallegas, brindando ademais toda a información á poboación interesada na problemática que o eido mineiro está a xerar a nivel territorial. Este colectivo leva por nome Arzúa Sostible.


"Un proxecto mineiro sen licenza social"

A plataforma recorda que aínda que "as empresas se esforcen en mercar a vontade popular o proxecto da mina de Touro tivo, ten e terá unha completa falta de licenza social e que a pandemia non pode ser e excusa para pretender impoñer unha explotación que comportará un serio impacto negativo sobre a saúde pública e a conservación ambiental da comarca de Arzúa". Neste senso, o grupo veciñal considera "unha mera compra a golpe de talonario a propaganda de Cobre San Rafael do seu suposto programa “TERRAS da xente”, que pretende mercar o apoio de entidades locais da bisbarra á súa pretendida explotación mediante 25.000 euros, o que non deixa de ser pura “calderilla” en comparación co seu volume de negocio en Andalucía. Chama a atención que mentres Cobre San Rafael S.L. vende a proposta como un fito de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) de “Transparencia, ética e responsabilidade real ambiental e social” as dúas empresas matrices que integran a mercantil, tanto Atalaya Mining como Explotaciones Gallegas, acumulan tanto queixas veciñais como expedientes sancionadores polas moitas irregularidades cometidas tanto en Andalucía como en Galicia".

Así, subliña que a "responsabilidade social corporativa de Atalaya Mining é tal en Riotinto que a súa expansión do negocio mineiro e as súas voaduras con explosivos ademais de nubes de po están a provocar fendas en muros, teitos e paredes nas casas da veciñanza do barrio do Alto de la Mesa, que veñen de organizarse nunha plataforma veciñal para reclamar os seus dereitos fronte aos abusos dunha compañía tan “socialmente responsable” que ademais rexeita facerse cargo dos danos".

Así mesmo, recalca que "o “respecto” da multinacional pasa tamén por un sistema de balsas mineiras considerado como o máis perigoso de Europa e unha política da empresa que acumula expedientes sancionadores, escándalos internos, altos niveis de sinistralidade laboral e numerosos incumprimentos en materia ambiental, que incluso derivaron en actuacións de oficio por parte da Fiscalía". E subliña que pola súa banda, "Explotaciones Gallegas, propietaria da mina de Touro, recibiu nos últimos anos máis de 80.000 euros en multas polas súas verteduras e irregularidades cometidas en relación co dominio público hidráulico. Esa é a realidade, e non outra, das empresas que pretenden desenvolver o proxecto de reapertura da mina de Touro, e que se definen claramente polos seus feitos. Porque hai cousas que o diñeiro non pode comprar: o sentido común e o amor á terra", conclúe.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page