A primeira edición terá lugar o 23 de setembro en Ponte Arcediago e incluirá diferentes actividades para reivindicar o común
Laura Moure/Santiso
Ponte Arcediago, en Santiso, albergará o 23 de setembro o Encontro dezasete. É unha iniciativa levada a cabo polo propio Concello e as distintas asociacións que teñen como principal obxectivo reivindicar o común. Ademais, será unha xornada completa de actividades baixo o lema Ensino no rural.
Esta é a súa presentación:
"Aquí nace Encontro dezasete, un espazo no que a veciñanza de Santiso ¡nos damos a coñecer e amosamos ao mundo, e a nós mesmos, quen somos, poñéndonos en valor e facendo comunidade.
Publicidade
Encontro dezasete é un traballo colaborativo entre o Concello de Santiso e as asociacións e movementos sociais e veciñais do territorio.
Por que Encontro? Porque queremos reivindicar o común.
Por que Dezasete? Porque dezasete son as parroquias que ten Santiso e, este espazo, será anual e itinerante por esas dezasete parroquias.
Publicidade
Nesta primeira edición, que terá lugar na parroquia da Ponte de Arcediago, xa se vislumbran as características que definirán ao Encontro Dezasete en cada unha das súas sucesivas edicións: un espazo compartidor, de lecer, de ledicia, de conversa, de cultura, de deporte e de reflexión.
O sábado, 23 de setembro, en horario de mañá e tarde, no Concello vello, na Ponte de Arcediago. Haberá actividades de teatro, maxia e música para a rapazada, haberá xantar, haberá andaina e ximnasia de mantemento, haberá concertazo da Banda de música de Visantoña, haberá tempo para reflexionar e conversar sobre o ensino no rural, cunha mesa redonda de persoas expertas, haberá palestra de experiencias que fan medrar Santiso e haberá tempo para rir, desfrutar, coñecernos mellor, compartir e, en fin, haberá tempo para facer comunidade.
Encontro Dezasete, un espazo en Santiso, no que desfrutar e reflexionar. Nos vindeiros días iremos informando sobre o contido do programa".
Comments