Nesta iniciativa que arrancou en plena pandemia xa participa unha trintena de persoas
Raquel Morado, unha das sociais de consumo do Zuleiro.
Laura Moure/Comarca da Ulloa
Un proxecto no que se mesturan sensibilidade medioambiental, que busca coidar a saúde, e ademais reducir costes, xa augura que terá éxito, e todo grupo de consumo busca estes ingredientes. Pero que é exactamente un grupo de consumo? Pois é unha iniciativa composta por unha agrupación de persoas que movidas por distintas razóns realizan xuntos as compras familiares e poder así obter distintas vantaxes e beneficios tanto para a saúde, como para o medio ambiente, entre outros aspectos. Na comarca da Ulloa hai un claro exemplo: O Zuleiro, que a pesar da súa corta vida está tendo moi boa acollida.
"Un grupo de consumo é un colectivo de persoas que se coordina, se xuntan para realizar o acto de mercar. E no noso caso de mercar produtos alimentarios de maneira conxunta e ademais, de forma responsable, é dicir, dándolle o valor que ten o acto de consumir, sobre todo entendendo que aquilo que consumimos, aquilo do que nos alimentamos, ademais de ter repercusión evidentemente a nivel de cada persoa que consume tamén a ten para a nosa saúde e para o noso benestar", explica Patricia Coucheiro, unha das impulsoras, que engade que "tamén ten efectos a nivel de calidade, no posto de traballo dos agricultores e agricultoras e na minimización do impacto do transporte dos alimentos desde lugares moi afastados".
A iniciativa do Zuleiro xorde no mes de decembro do 2019. "Que sucede? A idea, que agroma en dúas veciñas do concello de Antas de Ulla, tradúcese nunha xuntanza que se fai en xaneiro do ano pasado, no 2020, a cal acode bastante xente xa que era algo moi novidoso. En concreto, asisten ao redor de 15 persoas, polo tanto 15 casas interesadas en formar parte do grupo de consumo, debido a que os grupos de consumo normalmente se coordinan por casas entendendo que cada unidade familiar ou casa comparte a cesta da compra", especifica Coucheiro. Como viron que durante o encontro a idea tivera moi boa acollida decidiron materializada. "Nos seguintes meses, sobre todo durante todo xaneiro e febreiro, pénsase como articulalo e xustamente en marzo cando iamos empezar a funcionar comeza a pandemia. Todo se bloquea, pero por fin en setembro collemos esa idea que tiñamos de funcionamento e empezamos a aplicala de tal maneira que a primeira acción de compra do grupo de consumo do Zuleiro faise en setembro do 2020". O Zuleiro ten a súa sede en Monterroso, pero abarca toda a comarca da Ulloa.
A mercadoría que poden adquirir é variada e por suposto, apostan por produtos locais e ecolóxicos. "Temos procesos de compra cada 15 días de produtos de proximidade e cada tres meses daqueles que non temos no noso entorno máis inmediato, produtos non perecedoiros que polo tanto mercamos en grandes cantidades para minimizar os gastos de transporte". Desta forma, compran produtos de horta, fariña, lácteos, de tempada coma mel ou colleitas puntuais como cogomelos e noces, entre outros.
Este grupo de consumo bota man sobre todo das novas tecnoloxías. "Funcionamos a través dun grupo de Whatsapp e doutro de correos electrónicos aos que se lles rebota información. Como ultimamente todo o mundo está de acordo en actuar a través do Whatsapp estamos utilizando ese medio, aínda que temos o outro", apunta. Actualmente nese grupo desta aplicación son xa máis de 30 persoas participando. "Aínda que normalmente a cantidade de pedidos que se fan cada vez que facemos compra, é máis ben de 15/ 20 persoas, e dicir, que non todas están participando de forma activa na compra. Iso en principio non é negativo, senón positivo porque o obxectivo do grupo de consumo non é tan só o propio acto de mercar senón o propio acto de concienciación e de pertencer a un grupo que trata de coidar esa maneira de comprar. Polo tanto, ten un compoñente pedagóxico", puntualiza Coucheiro.
Boa acollida
Este proxecto está respondendo de forma moi positiva e ten moi boa acollida a pesar de botar a andar en época dunha crise sanitaria. De feito, Marc Bisquert, que pertence ao Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela (USC), situou O Zuleiro como o último grupo de consumo creado en Galicia antes da declaración do estado de alarma. "Xa desde o inicio houbo xente interesada e aínda habendo a entrada da pandemia, nacendo nesta situación, O Zuleiro, somos o grupo de consumo máis xoven e o último que se constituíu e xa ten un funcionamento moi activo e a parte con bastantes persoas integrando o grupo", incide Coucheiro. Todas as persoas que esteen interesadas en formar parte deste grupo poden poñerse en contacto vía Facebook a través do seu perfil O Zuleiro ou do correo electrónico ozuleirogrupodeconsumo@gmail.com
O consumo e a produción sostibles consisten en facer máis e mellor con menos. Ademais, tamén se trata de desvincular o crecemento económico da degradación medioambiental, aumentar a eficiencia de recursos e promover estilos de vida sostibles. Tan só por todo iso... longa vida ao Zuleiro!
Comments