Nace en Agolada a I Foliada-Magosto: gaitas, paella e castañas para despedir outubro nos Pendellos
A cita será o día 31 e está organizada por Bico da Balouta e C&E Lab Studio
Laura Moure/Agolada
Os Pendellos de Agolada acollerán o vindeiro 31 de outubro de 2026 a I Foliada-Magosto de Bico da Balouta, unha cita pensada para reunir veciños, socios e visitantes arredor da comida, a música e a tradición. A xornada, organizada pola Asociación Bico da Balouta e por C&E Lab Studio, promotores dos concertos de Seráns nos Pendellos, combinará sesión vermú, xantar popular e unha foliada con tres grupos de música tradicional.
PUBLICIDADE
O programa comezará ás 13:00 horas cunha sesión vermú nos Pendellos, e ás 14:30 horas chegará o xantar popular, cun menú de empanada, paella, bica, castañas, pan e café por 10 euros. Despois, xa pola tarde, comezará o magosto e a foliada, coa música e o baile como protagonistas.
O cartel musical reúne a Murga O Fiadeiro de Vigo, os Gaiteiros do Balado de Toques e Bico da Balouta de Agolada, que actuará como grupo anfitrión. Tres formacións que comparten un mesmo repertorio vivo: o da gaita, a percusión e o canto que seguen marcando o compás das festas galegas. “Queremos que o magosto volva ser o que foi sempre: unha escusa para xuntarnos, comer, cantar e bailar. Esta primeira edición nace con moitísima ilusión e con ganas de que sexa a primeira de moitas. Convidamos a todo o mundo a vir aos Pendellos e a gozar connosco”, destaca Raquel Borrajo, presidenta da Asociación Bico da Balouta.

A foliada súmase así á longa traxectoria dunha asociación que leva máis de tres décadas dinamizando a vida cultural do municipio, con citas propias como a Festa da Randulfa, os Cantos de Taberna ou o ciclo “En Clave de Talento”.
A retirada de invitacións para o xantar estará aberta ata o 27 de outubro en Café Bar Central, Bar A Plaza, Taberna dos Pendellos, El Cordero Gallego e Tenda de Ramón. A I Foliada-Magosto conta coa colaboración do Concello de Agolada, a través da Concellaría de Cultura, e da Deputación de Pontevedra.
PUBLICIDADE
Sobre Bico da Balouta
A Asociación Cultural Bico da Balouta naceu en 1994 na parroquia de Vilariño, en Agolada, impulsada por un grupo de veciños e amigos coa inquedanza de formar un grupo de música tradicional. Máis de tres décadas despois mantén o espírito co que comezou: a música tradicional “de taberna e de carballeira”. Desde 2004 levou a música galega máis aló das súas fronteiras mediante intercambios con formacións de Irlanda, Bretaña (coa que mantén un irmandamento co grupo Soneiren Bro Landreger, de Tréguier), Portugal, Italia, Aragón, Asturias e Madrid, e participou en programas da TVG como Alalá e A Solaina. En 2017 incorporouse un grupo de baile, canto e pandeireta, e hoxe a asociación sostén unha escola de música tradicional con arredor de 50 alumnos de todas as idades, que aprenden gaita, acordeón, baile, canto e pandeireta. Con ela, Bico da Balouta asegura o relevo xeracional da tradición en Agolada.









Comentarios