Xerentes de negocios do ocio nocturno de Melide valoran de "éxito" e de "dez" a reapertura e demandan as mesmas medidas e apoio que o resto da hostalaría
Laura Moure/Melide
Responsables de negocios de ocio nocturno de Melide valoran de positiva a volta da noite melidense. Piden apoio e chaman á responsabilidade de todos para poder continuar coa súa actividade e porque ademais saír desta situación depende de todos. Tamén algúns mencionan ás desigualdades coas que se atopan con respecto ao resto de hostalaría, onde non se está levando a cabo un control tan estricto.
"Cumprimos todas as normas: o aforo, a colocación de mesas, uso obrigatorio da máscara... creo que nos portamos de dez", indica Héctor Martínez, un dos socios do Imagine e do Nexus, quen confesa que a volta foi boa, pero que costa dicirlles á clientela que teña que gardar cola para entrar ou que non pode beber na barra, pero é consciente de que as normas deben seguirse pola saúde de todos. Sen embargo, ve inxusto que se critique sempre ao ocio nocturno, e que incluso, xa se falou esta semana da posibilidade de que volva pechar. Incide en que estes negocios son os que cumpren un protocolo do máis estricto cando no resto de locais da hostalaría nin se ten que levar siquiera a cabo un rexistro de entrada. "Nótase a diferenza entre uns locais e outros e nós sempre estamos no punto de mira cando non somos os culpables de todo, nin somos delincuentes", recalca Martínez. "A ver se todos facemos ben as cousas e o ritmo de vacinación vai ben para que volva todo ser como antes", desexa.
"A apertura en Melide foi un éxito. Intentouse dentro do posible cumprir cos aforos e coas medidas establecidas. Ao seguir en nivel baixo ou cero Melide segue adiante co ocio nocturno igual ca semana pasada e non temos obriga de reforzar as medidas como as áreas onde si teñen incidencia", apunta Emilio Pereiro, responsable do Buda, quen aproveita para facer un chamamento para que se cumpran as normas e respetar ao máximo as medidas impostas por Sanidade "para que poidamos seguir cada vez máis cerca do obxetivo (volver a normalidade canto antes) sen ter que pasar por restrincións máis severas que serían desatrosas para o sector".
Pereiro agradece a colaboración cidadá "así como á Garda Civil pola súa presenza pola zona para que non houbese ningún altercado. E gracias a todos pola comprensión dos aforos. Sairemos xuntos desta!", incide Pereiro.
Ademais, o responsable do Buda avanza que están buscando financiación e "negociando co Concello de Melide unha maneira de poder facer Melide como zona de ocio libre de Covid ou ben facendo PCR nas entradas das rúas dos pubs ou ben un test de saliva para que así todos os que den negativos ou ben esten vacunados poidan desfrutar dunha noite de ocio o máis tranquilos posibles, é dicir, o mesmo que están a facer nas zonas de incidencia que vai ser unha proba facelo nós aquí en agosto e setembro".
Obrigatoriedade dunha proba diagnóstica negativa
E xusto este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou en rolda de prensa, da obrigatoriedade de presentar o resultado dunha proba diagnóstica negativa -realizada nun máximo de 48 horas-, ou o certificado de vacinación completa, para acceder aos locais de ocio nocturno nos concellos galegos nos que rexan as medidas do nivel medio. Unha obriga que non será necesaria nos concellos de nivel medio-baixo, no que se atopa Melide.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, apuntou que o Executivo galego aposta polo desenvolvemento dun ocio seguro, ao tempo que trasladou a preocupación das autoridades sanitarias polo aumento de casos positivos entre a mocidade. Nesta liña, García Comesaña salientou que a Xunta pechará os espazos onde habitualmente se celebran botellóns -parques, praias, prazas, etc-, entre as 00:00 e as 6:00 horas. Así, lembrou que este tipo de xuntanzas están prohibidas, solicitando a colaboración da xente moza, e apelando a súa responsabilidade individual.
Entre as decisións acordadas polo comité clínico, o conselleiro tamén puxo de relevo a intensificación na realización de cribados entre a poboación con idades comprendidas entre os 19 e os 35 anos. Así, avanzou que o departamento sanitario xa está a ultimar unha nova modalidade voluntaria de cribado, mediante a que se poderá solicitar a realización dunha proba PCR, sen necesidade de ter unha cita previa.
O responsable de Sanidade, lamentou que “o nivel de adherencia aos cribados nesta franxa de idade é francamente baixo”, convidando aos mozos e mozas galegas que acudan as súas citas, para conseguir atallar a expansión do virus. O conselleiro de Sanidade anunciou tamén que xa está dispoñible o sistema de autocita para vacinarse, destinado, inicialmente, ao estudantado Erasmus e ás persoas maiores de 50 anos. Sobre este particular, abundou García Comesaña, un total de 671 estudantes Erasmus, e 810 persoas maiores de 50 anos, xa solicitaron a súa cita para vacinarse da covid-19.
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, apuntou que a situación epidemiolóxica de Galicia está a experimentar un incremento tanto na súa incidencia acumulada como na súa taxa de positividade.
Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores Arias, indicou que “é moi significativo o descenso da idade das persoas que están ingresandas nos circuítos respiratorios dos hospitais galegos”, nos que, nestes intres, permanecen na UCI dúas persoas de 30 e 38 anos.
Noticias relacionadas
Comments