Máis exposición e experiencias na Feira de Caza, Pesca e natureza, Fecap Abanca 2026 de Silleda
- Laura Moure

- hace 8 horas
- 3 Min. de lectura
A cita será 4 ao 7 de xuño, sendo a súa celebración paralela á 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia
Laura Moure/Silleda
Fecap Abanca chega á súa 12ª edición como punto de encontro de empresas e afeccionados á caza, pesca e natureza. Farao do 4 ao 7 de xuño, sendo a súa celebración paralela á 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia en Silleda.
En canto á súa área expositiva, nesta nova cita dará un salto cuantitativo e contará cunha maior exposición con presenza tanto de empresas xa habituais como de novas firmas. Ofrecerá así unha interesante mostra de equipamento e servizos para a práctica cinexética, a pesca e o lecer na contorna natural.

Respecto ao seu programa, sumará novas propostas a actividades consolidadas con gran éxito. Así, a Federación Galega de Caza de Pontevedra levará a cabo numerosas actividades. Xunto con Cazarco realizará exhibicións participativas de tiro con arco dirixidas tanto a nenos como a adultos e poñerá ao dispor dos visitantes o seu simulador “Sim Way Hunt”, un sistema virtual para aprender a adestrar o tiro sobre obxectivos en movemento que nesta edición será o protagonista dunha atractiva competición de tiro deportivo na que se poderán gañar ata 300€ en premios da marca Solognac, colaboradora da proba.
Nas súas propostas non faltará o agility, co apoio de ThunderDogs Galicia, que será protagonista de exhibicións para grupos escolares os dous primeiros días da feira e tanto de exhibicións para público como de probas oficiais da Liga Autonómica e da Copa Abanca Semana Verde de Galicia a fin de semana.
Ademais, a Federación Galega de Caza de Pontevedra mostrará a función dun biótopo para recuperar os coellos de monte, cuxa poboación está minguada como consecuencia de enfermidades, e tamén pegadas e ovos de diversas especies cinexéticas, todo iso dentro dun labor conservacionista de coidado e protección da natureza e a súa biodiversidade. Sumarase un taller permanente de pintura sobre fauna e flora galega impartido pola pintora mindoniense Irma María Loureiro, entre cuxos participantes se sorteará material de debuxo e pintura.
A cetrería terá un lugar salientable e a Federación xunto coa Asociación Deportiva de Cetreiros Galegos (AGCCA) organizará unha exposición de aves rapaces empregadas nesta antiga práctica declarada pola UNESCO Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Engadiranse as actividades organizadas por Falcóns de Galicia durante o certame, como exhibicións de voo con aves e actividades para nenos, ademais de contar tamén cunha exposición na que haberá exemplares de Aguia de Harris, Peneireiro Yanky, Bufo Real, Falcón Borní, Falcón Sacre, Falcón Híbrido, Falcón Gerifalte, Aguia Mora, Miñato Negro e Corvo Africano.
PUBLICIDADE
Por outra banda, nesta cita celebrarase un concurso monográfico organizado polo Club Beagle, Beagle-Harrier e Harrier, no que os cans participantes serán xulgados por Nicolás Castro.
E aínda se sumarán unha exposición de trofeos de caza e unha galería de tiro simulada, neste caso organizadas por parte da Mesa Galega pola Caza.
Propostas de pesca
En canto á pesca, de man de Caperlan, levaranse a cabo numerosas exhibicións de montaxe de moscas, as cales serán emitidas en streaming e serán a cargo de recoñecidos expertos como Marcos Prado e Jorge R. Maderal, que estarán o sábado e domingo; Joaquín L. Quintás, que realizará as súas demostracións de venres a domingo; Gustavo Brea, con presenza o venres e sábado; e tamén Paco Porto, que mostrará a súa destreza o domingo.
Así mesmo, esta marca realizará demostracións de diferentes técnicas de lance con reclamos durante todos os días de feira, ademais dunha exhibición de lanzado de man de Jesús Carmona o sábado e domingo pola tarde, baixo o título “Técnica de precisión para a pesca con moscas”. Este experto realizará ademais a presentación de “Pesca de Guerrillas” o domingo ás 11 horas.
Sumarase a charla de Jorge Rodríguez Maderal tamén o domingo, ás 13 horas, na cal presentará o seu libro “A Mosca de Salmón” e reflexionará sobre o seu atado.
PUBLICIDADE
Máis de 300 exemplares na Mostra de Cans de Caza
Nesta 12ª edición de Fecap Abanca a Mostra de Cans de Caza converterase nunha gran cita para afeccionados e profesionais, xa que contará con máis de 300 exemplares das mellores razas de cans de Europa e Estados Unidos.
Organizada pola Federación Galega de Caza de Pontevedra e Solognac, será o domingo 7 de xuño. Ademais da súa exposición realizarase unha presentación e desfile das diversas razas participantes. O presentador do acto será o presidente da Federación Galega de Caza, Luis Eusebio Fidalgo.








Comentarios