top of page

Máis de 12 actuacións en pistas e a reforma do local social de Tronceda marcan o POS+2026 en Arzúa

Tamén se construirá un novo parque infantil cuberto e creación dun aparcamento e espazos axardinados na contorna da Residencia e da Casa das Mulleres


Ecos da Comarca/Arzúa

O Concello de Arzúa aprobou por unanimidade, no pleno ordinario celebrado este xoves, a proposta de participación no POS+2026 da Deputación da Coruña, cun investimento global de 1.017.563,04 euros destinado a actuacións en infraestruturas, equipamentos e servizos municipais ao longo de todo o territorio.


O POS+2026 é un dos principais instrumentos de financiamento municipal impulsados pola Deputación da Coruña e permite ao Concello de Arzúa planificar actuacións en todo o territorio, combinando investimentos directos en infraestruturas co mantemento e reforzo dos servizos públicos. Entre as actuacións aprobadas no marco do POS+2026 destaca a mellora de máis dunha ducia de pistas nas parroquias do concello, orientada a facilitar a mobilidade cotiá no rural e o acceso a vivendas, leiras e explotacións, así como a reforma do local social de Tronceda, unha actuación demandada pola veciñanza que permitirá converter a antiga escola nun espazo de uso colectivo e de dinamización comunitaria. O plan inclúe tamén a construción dun novo parque infantil cuberto, xunto coa creación dun aparcadoiro e espazos axardinados na contorna da Residencia, da Escola Infantil e da Casa das Mulleres, unha intervención que permitirá o uso do espazo durante todo o ano e contribuirá á humanización e mellora da mobilidade nunha zona especialmente frecuentada do núcleo urbano.

Máis de 12 actuacións en pistas e camiños do rural, cun investimento duns 185.000 euros

Unha das principais apostas do POS+2026 é a mellora da rede viaria municipal nas parroquias, cun total de máis dunha ducia de actuacións en pistas e camiños, que suman un investimento de preto de 185.000 euros.


A proposta de POS+2026 inclúe varias actuacións de mellora de camiños municipais, centradas na reparación do firme, a corrección de fochas e a mellora da drenaxe, actuando sobre pistas de uso habitual que conectan lugares dentro das parroquias e dan acceso a vivendas, leiras e explotacións.


As actuacións agrupadas por parroquias abranguen os seguintes camiños:

Parroquia de Brandeso

Na parroquia de Brandeso intervirase no camiño do lugar de Cimadevila, mellorando un viario que conecta co trazado da AC-905. A actuación inclúe a reparación do firme e a mellora da drenaxe para garantir unha mellor circulación.

Parroquia de Burres

Na parroquia de Burres actuarase no camiño que conecta os lugares de Curiscada e Cortobe, así como na pista do lugar da Calzada. As actuacións céntranse na mellora do firme e na corrección de deterioros existentes nestes viarios.

Parroquia de Dodro

En Dodro prevese a mellora do camiño que une os lugares de Outeiro e Currás, un viario de uso habitual. A actuación inclúe a reparación do firme e a mellora das condicións de drenaxe.

Parroquia de Viladavil

Na parroquia de Viladavil inclúense varias actuacións en camiños que conectan distintos lugares. Intervirase no viario entre Castrillón e Sobrado e no camiño que une Sobrado con Vilanova, mellorando o estado do firme e a drenaxe destes tramos.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Parroquia de Santa María

A parroquia de Santa María concentra actuacións en varios puntos do seu territorio. O proxecto recolle a mellora do camiño que conecta coa Agra da Tosta, así como actuacións no viario de San Salvador e no camiño do lugar de Seixas. En todos os casos prevese a reparación do firme e a mellora das condicións de circulación.

Parroquia de Dombodán

Na parroquia de Dombodán actuarase no camiño que conecta Casal de Arriba con Gramil, así como no viario que enlaza distintos puntos da parroquia co límite do concello, na zona das Hortas. As actuacións inclúen a mellora do firme e da drenaxe destes camiños.

Parroquia de Santo Estevo

En Santo Estevo prevese a mellora do camiño que conecta a igrexa parroquial co cemiterio, mediante actuacións de reparación do firme e acondicionamento do viario.

Parroquia de San Martiño

Na parroquia de San Martiño intervirase no viario de acceso ao cemiterio parroquial, mellorando as marxes e o estado do firme para facilitar a circulación.

Reforma do local social de Tronceda: máis de 114.000 euros para reforzar a vida comunitaria no rural


O POS inclúe tamén a reforma do local social de Tronceda, cun investimento de 114.708,00 euros, destinada a mellorar un espazo clave para o asociacionismo no rural.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Esta actuación permite modernizar unha infraestrutura de uso comunitario e mellorar as condicións para o desenvolvemento de actividades veciñais ao longo de todo o ano.


Novo parque infantil

O POS+2026 inclúe a construción dun novo parque infantil cuberto, xunto coa creación dun novo aparcamento e a execución de espazos axardinados na contorna da Residencia e da Casa das Mulleres de Arzúa, cun investimento global de 255.414,70 euros.

A actuación permitirá dotar esta área dun espazo de lecer cuberto para a infancia e as familias, accesible e utilizable durante todo o ano, ao tempo que se melloran as condicións de mobilidade e estacionamento mediante a habilitación dun novo aparcadoiro.


Mellora da rúa Rosalía de Castro

A proposta inclúe tamén a mellora da rúa Rosalía de Castro, mediante a renovación do firme, a corrección de fochas e a execución de medidas de mellora da seguridade viaria, como un paso de peóns sobreelevado e elementos de regulación do tráfico. A actuación complétase coa mellora da drenaxe e da recollida de augas pluviais. Cun investimento total de 42.522,67 euros.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Servizos públicos en funcionamento

Outra parte relevante do POS+2026 destínase a gasto corrente, cun importe global de máis de 420.000 euros entre as dúas anualidades. Estes fondos son imprescindibles para garantir o funcionamento diario dos servizos municipais, como a limpeza viaria, a iluminación pública, o mantemento de instalacións, a atención social ou a prestación de servizos básicos en todo o concello.


Plan Complementario: actuación na Rúa Camiño dos Frades

Ademais do POS principal, o Concello inclúe no Plan Complementario a actuación na Rúa Camiño dos Frades, cun investimento previsto de 167.042,15 euros, que se executará no caso de que a Deputación da Coruña vaia xerando fondos adicionais ao longo do exercicio.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page