Máis de 108.000 persoas respaldaron unha exitosa 48ª Abanca Semana Verde de Galicia en Silleda
- Laura Moure

- hace 34 minutos
- 4 min de lectura
O certame acadou a súa mellor presenza expositivo dos últimos 19 anos, ademais de rexistrar récords nos seus salóns de alimentación e turismo
Laura Moure/Silleda
A 48ª Feria Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos pecharon onte as súas portas tras cuatro días nos que negocio e lecer se uniron tanto na súa área expositiva como nas súas actividades.
Unha hora antes do seu peche o certame recibira 108.152 visitantes, os cales foron rexistrados a través dun sistema de cámaras con software intelixente situadas nas
entradas ao recinto que permite obter cifras totais de asistencia con maior precisión e
cuxo provedor é a empresa Intermax.
PUBLICIDADE
En canto a expositores, este gran certame multisectorial acadou a súa mellor cifra de expositores directos dos últimos dezanove anos, estando presentes 793 empresas e
entidades de seis países, un 4,6% máis que o ano pasado. A eles sumáronse 423
firmas representadas, un 16,2% máis, as cales xunto ás empresas presentes
directamente procedían de 28 países.
Estas cifras de expositores e visitantes definen unha cita que foi valorada de forma moi positiva pola inmensa maioría de expositores, que trasladaron á organización o cumprimento das súas expectativas. Unha satisfacción que responde tanto os resultados na parte de negocio como na de público asistente. Ademais, as actividades desenvolvidas estes días contaron cunha gran acollida por parte de todos os participantes.
Todo iso permite á organización contar cunhas magníficas perspectivas de crecemento para a vindeira cita, que será a 49ª, e poñer xa a vista nun cincuenta aniversario no que a feira siga superándose.
O certame contou cun amplo respaldo institucional. Así, foi inaugurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen estivo acompañado no acto polo conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, ademais doutras autoridades. Así mesmo, o certame contou o sábado coa visita do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, mentres que onte acudiu o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.
Unha experiencia con máis de 200 actividades
Volveu destacar a súa programación, con máis de 200 actividades distintas que foron
auténticas experiencias. O salón alimentario Salimat Abanca acolleu de novo os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), nos que se celebraron 1.200 reunións de negocio entre 130 empresas e 31 importadores e distribuidores de 15 países, mentres que a súa área Alinova mostrou máis de 50 innovacións. Ademais, no seu programa houbo numerosas catas, showcookings con reputados chefs, talleres de cociña, o concurso popular de tortilla
española, o Encontro de Creadores Dixitais ou conferencias.
PUBLICIDADE
Turexpo Galicia e Festur, celebradas co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contaron con empresas e entidades do sector turístico entre as que destacaron novas participacións e tamén 50 concellos que promocionaron 66 festas galegas de interese turístico, a maior cifra deste evento. Na súa vertente profesional incluíuse o seu Encontro de Creadores Dixitais e destacou a Bolsa de Contratación Turística, que propiciou 2.500 reunións entre 160 empresas e, finalmente, 32 turoperadores con presenza en doce países.
En canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, ofreceu un interesante programa, con propostas como unha gran mostra de cans de caza con máis de 500 exemplares, monográficos das razas Grifón Nivernés e tamén Beagle, Beagle-Harrier
e Harrier, exhibicións de cetrería e tiro con arco, un simulador, unha exposición de trofeos de caza, numerosas demostracións de montaxes de mosca para pesca ou exhibicións de diferentes técnicas de lance con reclamos.

Pola súa banda, na segunda edición de Intermax Beauty Show destacou “A gran batalla”, unha competición na que participaron barbeiros de distintos puntos de España e Portugal en dúas categorías, “Futuras promesas” e “Freestyle”. Sumáronse numerosos talleres de styling masculino e feminino con oito multipremiados expertos en salón de peiteado e estética.
As actividades caninas e ecuestres volveron ser outro dos atractivos do programa, podendo desfrutar no caso das primeiras con competicións de axilidade canina (agility), propostas do Can de Palleiro ou unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina. Nas ecuestres incluíuse o XIII Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes, un taller sobre “Coidados do poni” ou un novo e sorprendente espectáculo, “A lenda do paxaro azul”, con 25 animais en escena, entre eles cabalos, ponis, cans checoslovacos e diversas especies exóticas, con números de doma en liberdade que combinaron a alta escola con exercicios tan arriscados como a “posta húngara”.

Na área gandeira destacaron as razas autóctonas de Galicia, con exposicións e concursos morfolóxicos, unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra con cabalos de Pura Razas Galega, ou exhibicións de “aloitadores” que realizaron unha rapa das bestas con eguas de Pura Raza Galega. Así mesmo, doutras razas, contou cunha ampla mostra de ovino selecto ou cabalos de pura raza española. Engadíronse a presentación da Federación Española de Razas Minoritarias Porcinas (Ferampor), o XXVIII Monográfico de Gando Porcino e numerosas xornadas.
Sumáronse outras propostas lúdicas de gran interese como talleres para os máis pequenos, a XI Carreira Popular, o VII Open de Xadrez, actividades multiaventura ou shows de motor nos que regresou ao recinto a versión máis extrema do motocrós.








Comentarios