Máis de 100 actores de Touro, Palas e Teo participarán no XVI Festival Galego de Teatro Escolar de Touro
- Laura Moure

- 12 mar 2025
- 3 min de lectura
Celebrarase o sábado 15 de marzo no Pazo de Andeade e na Casa da Cultura
Laura Moure/Touro
Este martes tivo lugar no Concello de Touro a presentación do XVI Festival Galego de Teatro Escolar de Touro que se celebrará o sábado, 15 de marzo, no Pazo de Andeade e na Casa de Cultura. Este evento está organizado pola ANPA do CPI Fonte Díaz de Touro e
conta coa colaboración do Concello de Touro, A Asociación Cultural A Pinguela de Bama e a Banda da Escola de Musica Isabel II de Touro. Na presentación participaron o alcalde desta vila, Roberto Castro Rocamonde; a vocal de A Pinguela de Bama, Lupe Penas González; o presidente da Banda de Música Isabel II de Touro, Manuel Rodríguez Calvo; as integrantes da Aula de Teatro Iris Pintor Santiso e Alexandra Sande Ignacio e o director de teatro Afonso García Penas.

Participarán nesta xornada cultural máis de cen actores e actrices de tres Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Touro, Palas de Rei e Teo).
O programa deste Festival é o seguinte:
Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 16:00 horas na aldea e no Pazo de Andeade, que estará protagonizado por alumnado, familias e profesorado do CPI Fonte Díaz de Touro; polas Asociacións A Pinguela de Bama, a Banda da Escola de Musica Isabel II de Touro e pola veciñanza.
Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precederon, a recreación do mundo da aldea e dramatización das historias vivenciadas pola veciñanza nos anos cincuenta e sesenta. Máis de cen actores e actrices de todas as idades, conflúen nun intercambio de forza e coñecemento xenuíno, con ilusión toman o papel e presentan o mellor que levan dentro; ata tres ou catro xeracións interactuando entre si coa natureza, a aldea e o espectador, talvez o único estraño, como testemuños. Nunha contorna senlleira, o Pazo de Andeade, esperta este milagre posible de esperanza e vida para a nosa raiceira exánime.
Publicidade
No roteiro xúntanse e relaciónanse persoas de todas as xeracións, nunha convivencia e transmisión de saberes e experiencias extraordinarias. Un evento singular que une á xente e apega á terra, que busca converternos en dignos herdeiros de quen propiciou sermos o que somos, que busca podermos mirar aos ollos agradecidos a quen nos criou e aplaudirlles. O punto departida será o propio Pazo de Andeade.
Ás 19:00 horas, na Casa de Cultura de Touro, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Teatro, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei e A Aula de Teatro do IES de Cacheiras porán en escena o espectáculo Historias enguedelladas. Espectáculo que desenvolve unha aposta decidida, a través de varias historias tradicionais teatralizadas, por valores esenciais como: a defensa da biodiversidade, o respecto polo medioambiente e pola diferenza, a reivindicación da cultura da paz e o diálogo, a tolerancia, a solidariedade con aqueles seres humanos que máis sofren, a inclusión daquelas persoas con capacidades diversas...
O teatro serve nesta ocasión como ferramenta lúdica para reflexionar sobre a educación que recibimos a través dos contos populares, que posibilitan que nos introduzamos no mundo do xogo, no coñecemento da vida dos antepasados, no achegamento a un fascinante mundo rural que baila, que ri, que soña e que vibra de emoción. Anímaste? Xogamos? Pecha os ollos e introdúcete neste proceso creativo da rapazada teatreira!
Adiante compañía! Como preludio a este espectáculo actuará a Banda da Escola de
Musica Isabel II de Touro, ás 18:30 horas na esplanada da Casa de Cultura.
Este Festival permite que o alumnado das tres Aulas de teatro interactúe e propicia que amose conxuntamente o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2024/25 nas tres localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 6 de febreiro no Teatro Principal de Ourense e continuará en Palas de Rei, Teo, Corella (Navarra), Menorca (Baleares) e Muros.








Comentarios