O BNG logra a unanimidade do pleno de Monterroso para crear unha zona escolar segura na zona do IES
Ecos da Comarca/Monterroso
O Bloque Nacionalista Galego de Monterroso celebra a aprobación por unanimidade no pleno municipal da proposta presentada polo seu concelleiro, Brais Vázquez, para a creación dunha zona escolar segura na rúa Salvador Arotzarena, principal vía de acceso ao IES de Monterroso.

A iniciativa, que contou co apoio de todos os grupos municipais, ten como obxectivo dar resposta aos problemas de seguridade viaria que se veñen producindo nesta contorna, especialmente nas horas de entrada e saída do alumnado, cando coinciden autobuses escolares, vehículos particulares e estudantes que se desprazan a pé.
Brais Vázquez valorou positivamente o respaldo unánime á proposta e destacou que "conseguimos que toda a corporación recoñeza a necesidade de actuar nunha zona na que a seguridade do alumnado debe estar por riba de calquera outra consideración. Agora o importante é que este acordo se traduza en actuacións concretas e non quede nunha simple declaración de intencións".
PUBLICIDADE
O concelleiro nacionalista lembrou que o BNG xa advertira desta situación o pasado 23 de febreiro, cando rexistrou unha iniciativa solicitando a ordenación do tráfico e do estacionamento nesta rúa, sen que o goberno municipal adoptase desde aquela as medidas estruturais necesarias."Levamos meses advertindo dunha situación que se repite cada curso escolar. Non podemos esperar a que se produza un accidente grave para tomar medidas. Falamos da seguridade dos rapaces e rapazas que acoden diariamente ao instituto e temos a responsabilidade de garantir que poidan facelo sen correr riscos innecesarios", sinalou Vázquez.
O BNG considera que estas actuacións son necesarias e perfectamente asumibles para un concello como Monterroso, polo que non existe xustificación para continuar adiando a súa execución."Non estamos falando de grandes investimentos nin de obras imposibles, senón de ordenar adecuadamente un espazo público para protexer o alumnado. O que faltaba era vontade para abordar o problema e agora, coa unanimidade do pleno, o goberno municipal ten un mandato claro para actuar", afirma Brais Vázquez.
PUBLICIDADE
O concelleiro nacionalista insiste en que o acordo plenario debe marcar un punto de inflexión na maneira de abordar a seguridade viaria non só na contorna do instituto, senón tamén noutras zonas de protección para a infancia como o Colexio ou o Espazo Lorenzo Varela. "Desde o BNG fixemos o noso traballo: escoitamos as preocupacións da comunidade educativa, levamos unha proposta concreta ao pleno e conseguimos o apoio de toda a corporación. Agora correspóndelle ao goberno municipal cumprir o aprobado e poñer en marcha as actuacións canto antes", subliñou.
Finalmente, Brais Vázquez asegurou que o BNG fará seguimento do cumprimento dos acordos e manterá o contacto coa comunidade educativa para garantir que as medidas respondan ás necesidades reais do centro. "A unanimidade é unha boa noticia, pero o verdadeiro éxito chegará cando o alumnado do IES de Monterroso poida acceder ao centro e aos autobuses escolares con total seguridade. Ese é o noso obxectivo e seguiremos traballando ata conseguilo", concluíu.









Comentarios