top of page

Muuhlloa: un proxecto da comarca da Ulloa que está liderado por cinco mulleres

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O seu fin é recuperar as súas granxas familiares con proxectos viables e innovadores no rural e usa herbas mediciais con leite ecolóxica botando man das artes gráficas


Laura Moure/A Ulloa

A Deputación de Lugo dá a coñecer distintas empresas do rural que fan unha marabillosa labor. Neste caso, fala de mulleres que lideran proxectos nun rural sostible e con moito futuro. "Mulleres sumando recursos e coñecementos para unha economía colaborativa e de km 0", recalca a Deputación. "Ese é o caldo de cultivo no que se crea a cooperativa Muuhlloa. Unha marca que nace de dúas iniciativas destinadas a atoparse no camiño: Granxa Maruxa, en Cumbraos de Abaixo (Monterroso), e Milhulloa, no Coto (Palas de Rei). Veciñas da comarca da Ulloa e socias cun obxectivo común: o de recuperar as súas granxas familiares con proxectos viables, sostibles e innovadores no medio rural", indica o ente provincial.


O cultivo de herbas aromáticas e medicinais e o valor engadido da leite fresca ecolóxica e as artes gráficas dá como resultado esta sociedade creada por cinco mulleres. Desta conxugación nace a primeira liña de cosmética ecolóxica elaborada con leite de vaca recén muxida para a completa conservación dos nutrientes e de plantas tradicionais galegas, materias primas inmellorables para o coidado da pel.

Mónica Freire xunto a Carmela Valiño, Marta Álvarez, María José Álvarez e Chusa Expósito.

Na comarca da Ulloa destaca actualmente o número de mulleres que asentan nesta zona os seus proxectos de vida, de xeito individual e tamén colectivo. Son dúas irmás, tal e como conta a Deputación, as que rexentan Granxa Maruxa, Marta e María Álvarez, dúas mulleres “urbanitas”, como elas mesmas se definen, que decidiron trasladar a súa vida e o seu negocio da cidade a unha pequena aldea da Ulloa, Cumbraos de Abaixo, na que a día de hoxe senten que está o seu fogar. “Ao principio pensaron que non iamos durar dous días”, afirman, con dúas décadas de traballo xa ás súas costas.


Granxa Maruxa continuou o legado familiar de produción láctea reconverténdoa en ecolóxica, ao tempo que apostou por facer visible as posibilidades dun rural distinto mediante a simbiose do mundo gandeiro e o artístico, servindo de escenario para múltiples propostas culturais.


Milhulloa, pola súa banda, reconverte una vella granxa nun laboratorio de ideas para a recuperación, conservación e comercialización de plantas medicinais autóctonas, realizando investigacións en colaboración da USC. Chusa Expósito e Carmela Valiño, de Milhulloa, son pioneiras no cultivo de plantas medicinais, chegando a traballar toda unha farmacia natural con máis de 20 especies autóctonas.


“Recuperar os coñecementos que tradicionalmente se empregaban no rural, cunha base científica para facer aproveitamentos e extractos, elaborando produtos novos e sostibles para a cosmética” é o piar que frutifica en Muuhlloa, unha idea que parte dunha materia prima idónea para o coidado corporal co fin de ofrecer un novo concepto de cosmética moito máis eficiente, de máis calidade e claramente sostible.


40% de leite ecolóxica

Desde a cooperativa, sumando forzas para combinar coñecementos e materias primas, despois dun tempo de investigación, sacan ao mercado tres produtos principais que comparten a “calidade extrema do ecolóxico”. O primeiro dos produtos é unha loción capilar densificadora para fortalecer o cabelo, grazas ás propiedades que lle confire o pemento de Padrón, a ortiga, o romero e a salvia. Tamén teñen á venda leite corporal elaborada cun 40% de leite ecolóxica de Granxa Maruxa e oleato e hidrolato ecolóxico de Milenrama de Milhulloa, ingredientes que favorecen a produción de coláxeno e mantén a pel hidratada e suave. Tamén teñen a disposición unha crema rexeneradora facial elaborada con produtos activos con propiedades antioxidantes, reparadoras e hidratantes da pel. Finalmente, ofrecen un bálsamo labial fabricado con oleato de flor de grelo de Milhulloa e mel cru da alta montaña de Sovoral.


"Granxa Maruxa é a sede da cosmética Muuhlloa, cunha tenda propia onde comercializan todos estes produtos dos que destacan non só a calidade, senón “a propia filosofía” que lles permite fidelizar ao cliente con proxectos de innovación e garantías de sustentabilidade. Ademais, tamén teñen venda online e figuran na plataforma Son de Lugo, impulsada por Medio Rural da Deputación Provincial", recalca o ente.


Desde a cooperativa defenden “unha nova ruralidade”, para conservar o medio e permitir que perdure, deixándoo en bo estado ás xeracións posteriores. Mulleres que elixiron o rural para desenvolver os seus proxectos de vida, facendo destes lugares o seu fogar e o seu negocio, combinación perfecta entre tradición e formación. "En definitiva, son o paradigma da historia que toda unha xeración quere seguir escribindo con formación, tradición e sustentabilidade", conclúe a Deputación de Lugo.


NOTICIA RELACIONADA:

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page