Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Milhulloa cumpre dúas décadas de cultivo de herbas medicinais galegas

Chusa e Carmela están ao fronte desta cooperativa da Ulloa que tamén forma parte de Son de Lugo, que aglutina a unha quincena de produtoras do sector agroalimentario


Laura Moure/A Ulloa

Medio Rural dá espazo a Milhulloa en Son de Lugo, a cooperativa de mulleres que potencia o rural e os cultivos autóctonos de plantas mediciais, tal e como informa o Deputación de Lugo. Quince produtoras do sector agroalimentario das comarcas de Lugo iniciaron unha cooperación en rede para distribuír o froito do seu traballo por toda Galicia e a península Ibérica. Son de Lugo ofrece menús completos dende unha única dirección web: hortalizas, verduras e froita, lácteos e queixos, peixe, carne de porco e tenreira, embutidos, legumes, especias, herbas aromáticas e infusións, viños e tamén cosmética


Son dúas as mulleres que dan vida a unha iniciativa pioneira que xa cumpre dúas décadas de cultivo de herbas medicinais galegas. Chusa e Carmela están á fronte de Milhulloa, unha cooperativa situada na comarca da Ulloa, no lugar do Coto, nun punto limítrofe entre as provincias de Lugo e A Coruña por onde discorre o Camiño de Santiago.

Este proxecto de autoemprego xa consolidado encárgase do cultivo ecolóxico e a comercialización de plantas aromáticas e medicinais, recuperando a flora autóctona galega en perigo de extinción. A produción, a transformación e a venda dos produtos fai que a cooperativa leve o control en todos os procesos e garanta a calidade do resultado final.


Milhulloa nace dunha aposta por afincarse no rural e tentar buscar unha saída profesional nun eido que hai vinte anos aínda estaba sen explorar. Así o explica Chusa, pois “cando comezamos, estabamos a buscar algunha alternativa que se correspondera coas nosas inquedanzas e a nosa formación”, momento no cal “nos inscribimos nun curso de creación de empresas que nos deu as ferramentas para a creación da nosa propia”.


A sabencia de persoas do pobo e familiares sobre estes cultivos deu pé ao inicio da actividade, plantando especies que se daban por si soas na terra e importando outras que mercan directamente no lugar onde se producen, como son determinadas especias como a canela. Unha simbiose entre os coñecementos da cultura popular e a formación universitaria das produtoras de Milhulloa.


Cultivan variedades autóctonas en ecolóxico, recolectan no momento óptimo de maduración e as deshidratan a baixa temperatura. Todo o proceso destinado a preservar mellor as propiedades medicinais e aromáticas, así como os principios activos das plantas. O catálogo desta cooperativa está composto actualmente por infusións, especias e hortalizas deshidratadas para distintos fins, así coma produtos cosméticos cen por cen naturais para masaxes ou dores musculares. Nesta escolma de produtos pódense atopar infusións relaxantes, dixestivas, para problemas respiratorios, infeccións ou catarros, así como especias para emprego culinario reducindo o uso de condimentos químicos

.

Produtos distintos

Ademais, ao longo da súa traxectoria foron introducindo produtos distintos para o proceso de deshidratación, como o grelo, espinaca, pemento, tomate ou cebola, conseguindo unha alternativa de consumo e mantemento destas verduras e hortalizas e permitindo distribuílas a distintas partes do mundo dun xeito moito máis sinxelo posto que a perda de auga diminúe o seu tamaño e peso substancialmente.


“O noso valor diferencial é que nós, como produtoras, seguimos todo o proceso para ofrecer produtos sustentables, cun circuíto pechado, ecolóxico, e de km 0. Particularmente, realizamos unha cosmética colaborativa porque non entendemos este traballo doutra forma que non sea tecendo redes entre produtoras”.


A base do seu traballo complétana distintos estudos en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, entidade coa que manteñen unha relación académica desde as súas orixes. “Acaban de aprobarnos outro proxecto de investigación sobre a caracterización de principios activos de plantas para uso cosmético, que faremos co departamento de Química da USC”, confirma Chusa.


Esta cooperativa de traballo asociado tamén aplica un dos seus principios fundacionais de difundir e divulgar os seus saberes entre a poboación, de xeito que realizan habitualmente xornadas abertas para o coñecemento e uso das plantas medicinais que adoitan ter unha moi boa acollida. "Se cadra o valor engadido destes produtos son as mans que os cultivan, os coñecementos herdados, a innovación aprendida e a aposta da muller por manter vivo o rural. O máis valioso que temos", sinalan dende a Deputación de Lugo.

145 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE