Merza Percusión celebra 20 anos de formación musical con proxección internacional
Pecha unha nova edición do seu curso no marco do Festival Internacional de Percusión
Laura Moure/Vila de Cruces
A parroquia de Merza, en Vila de Cruces, converteuse un ano máis no centro neurálxico da percusión contemporánea coa celebración do Festival Internacional de Percusión (FIP) e do tradicional curso de verán de Merza Percusión, unha iniciativa que este 2025 celebra o seu 20º aniversario, consolidada como referente da formación especializada a nivel galego, estatal e europeo.

Ao longo dunha semana, estudantes chegados de diferentes puntos de España e do estranxeiro tiveron a oportunidade de convivir, ensaiar e formarse xunto a recoñecidos mestres internacionais da percusión, nun ambiente próximo, esixente e cheo de entusiasmo. O curso está dirixido por Fran Troncoso, Vicent Zaragoza, Noé Rodrigo e Juan Collazo, este último alma máter do proxecto e impulsor dunha iniciativa que medrou co paso dos anos sen perder o seu espírito próximo e colaborativo. A programación combinou clases individuais, música de cámara, repertorio orquestral e actividades colectivas abertas ao público.
A oferta artística completouse coa programación do FIP, que incluíu concertos diarios abertos ao público, cunha destacada variedade de estilos e formatos. Entre eles, salientaron o espectáculo de Abraham Cupeiro, que levou ao escenario sonoridades únicas con instrumentos ancestrais, e a proposta enérxica e visual de Toompak, co seu
proxecto “Trash”, baseado en percusión con materiais reciclados. Estes concertos
serviron como complemento perfecto á actividade formativa e contribuíron a achegar a
percusión contemporánea a novos públicos.
Publicidade
O penúltimo concerto, celebrado o 20 de xullo, contou coa participación destacada da percusionista internacional Marta Klimasara e pechouse cunha vibrante interpretación
da obra Marimba Spiritual de Minoru Miki a cargo de Noé Rodrigo—tamén membro do equipo directivo e docente— xunto a outros profesores do curso, simbolizando o espírito de comunidade e entrega que define a Merza Percusión.
Durante estas dúas décadas, Merza Percusión converteuse nun exemplo de como unha
iniciativa cultural arraigada no rural pode acadar proxección internacional, formar novas xeracións de músicos e consolidar unha comunidade artística sólida, diversa e apaixonada.
Publicidade
“Merza Percusión naceu como resposta á nosa inquietude como percusionistas nun tempo no que a formación en España era escasa. Vimos que, fóra das nosas fronteiras, o mundo da percusión estaba a bulir, e decidimos traelo ata aquí. Así comezamos convidando marimbistas de Boston, percusionistas de Holanda ou músicos africanos de Senegal. Daquela semente naceu tamén Odaiko Percusión, que quixo falar noutra linguaxe e emocionar. E con esa enerxía fomos mantendo o curso, consolidando un festival e, agora, catro cursos e un festival con dúas premisas: o rural como fonte de progreso e a amizade como motor altruísta que fai posible este soño”, explica Juan Collazo, director do proxecto.
Collazo tamén recoñece o apoio de institucións como a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vila de Cruces, pero subliña que “o proxecto tirou sempre para adiante grazas á axuda incondicional da familia, dos compañeiros de Odaiko e do colectivo de xente que se suma cada ano con entusiasmo. Grazas tamén ao pobo de Agolada, clave na permanencia do festival. Se esa enerxía continúa, Merza Percusión seguirá outros vinte anos máis.”









Comentarios