´Merca no teu Comercio´ chega a máis de 25 concellos, entre eles Silleda e Vila de Cruces
- Laura Moure

- 11 jul 2025
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Deza
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, participou onte en Pontevedra na presentación da terceira e cuarta campaña quincenal do programa Merca no teu comercio, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio co obxectivo de estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade, especialmente nos municipios rurais galegos e nos barrios sen asociación comercial.

A terceira campaña desenvolverase desde onte, 10 de xullo, ata o vindeiro 25 de xullo, nos concellos de Silleda e Vila de Cruces (Pontevedra); nos municipios ourensáns de Bande, Lobeira, Entrimo, Muíños e Lobios; na Fonsagrada (Lugo); e nos concellos de Narón e Fene (A Coruña).
Publicidade
Pola súa banda, a cuarta campaña terá lugar entre o 20 de xullo e o 4 de agosto, e nesta ocasión celebrarase nos municipios coruñeses de Padrón, Rois e Dodro; nos concellos lucenses de Burela, Xove, O Vicedo, Covas e Cervo; en Ourense nos municipios de Viana do Bolo, A Veiga, O Bolo, Vilariño de Conso e A Gudiña; e, finalmente, na provincia de Pontevedra nos concellos de Tui, Oia e O Rosal.
Publicidade
Do mesmo xeito que nas dúas campañas anteriores, os consumidores poden rexistrar as súas compras a través da páxina web oficial da campaña ou mediante os propios comerciantes, duplicando así as opcións de participación. Entre todas as persoas participantes sortearanse 20 tarxetas prepago de 50 euros, que poderán ser canxeadas nos comercios locais adheridos ata o 31 de decembro de 2025.








Comentarios