Participarán unha trintena de operadores noutros tantos postos de venda ao público
Laura Moure/Lalín
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, participou este sábado na presentación da segunda edición de Merca Delicadeza, o mercado de Artesanía Alimentaria organizado pola Axencia en colaboración co Concello desta localidade. Esta iniciativa ten como obxectivo dar a coñecer este selo de calidade diferenciada e promocionar os produtos amparados.
Durante a súa intervención, o director puxo de relevo eventos como este, fundamentais para o eido alimentario, xa que contribúen a dar a coñecer este indicador e, máis aló, contribúen a reforzar o contacto directo dos produtores locais cos consumidores. Ademais, recoñeceu a importancia da participación do Concello de Lalín e agradeceu a súa colaboración, fundamental para levar a cabo unha iniciativa destas características.
Publicidade
O mercado terá lugar os días 8, 9 e 10 de marzo en Lalín en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas na Praza da Igrexa. Nel estarán presentes unha trintena de operadores distribuídos noutros tantos postos de venda ao público, onde as empresas participantes expoñerán produto certificado co distintivo de Artesanía Alimentaria. A maiores, nesta feira tamén estará presente Artesanía de Galicia, que ofrecerá obradoiros para dar a coñecer os oficios artesáns a todos os públicos.
Publicidade
Este evento contará con varias demostracións de cociña, charlas técnicas e divulgativas, degustacións, obradoiros infantís gratuítos, actuacións musicais e un sorteo diario de produtos galegos con selo de calidade diferenciada.
O selo artesanía calidade
Cómpre lembrar a aposta do Goberno autonómico polo fomento dos distintivos de calidade. A Consellería do Medio Rural puxo en marcha o selo Artesanía Alimentaria no ano 2020 baixo un triplo obxectivo, na procura dun sector estruturado en concordancia dos requisitos establecidos pola Unión Europea. Tamén co fin de protexer o bo facer dos artesáns, defendendo a súa profesión ante etiquetaxes enganosos e co fin de conservar e preservar as elaboracións de produtos artesanais tradicionais, tan arraigados á cultura galega e que forman parte da nosa historia.
Publicidade
Neste sentido, a Xunta de Galicia foi pioneira na regulación dunha marca destas características, así como na creación de diversas normas técnicas e dos distintivos identificadores. Actualmente, están vixentes 14 normas técnicas: as do queixo, requeixo e os xeados (dentro dos derivados lácteos), a dos derivados cárnicos (embutidos, salgados, afumados, adubados, conservas cárnicas e patés), a da sidra e a da cervexa.
Comments