Podemos visita a Ulloa e compromete o seu apoio no Congreso e en Bruxelas para parar o proxecto da macrocelulosa
Laura Moure/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva mantivo ontediversos encontros a nivel político e institucional para seguir recabando apoios na loita contra o proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei. A Plataforma trasladou os informes científicos e técnicos sobre os impactos da macrocelulosa nos Ministerios de Sanidade e Cultura en Madrid, e no territorio nunha visita de Podemos a Palas de Rei- cunha delegación de Podemos Galicia que contou coa presenza na zona directamente afectada do fundador de Alianza Verde e asesor medioambiental de Podemos en Bruxelas, Juan López de Uralde.
Ademais, ,membros da Plataforma Ulloa Viva participaron onte nas distintas reunións nas que entregaron aos responsables políticos e institucionais informes técnicos acreditados "dos impactos que a macrocelulosa de Altri-Greenalia tería no corazón de Galicia, a nivel socioeconómico, da biodiversidade, a auga e a contaminación ambiental e tamén os efectos sobre a saúde das persoas na contorna polos efectos dos gases contaminantes recoñecidos pola propia empresa e o Camiño de Santiago".
Visita de Podemos á zona
As voceiras da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá e Zeltia Laya recibiron onte en Palas de Reis a unha delegación de Podemos Galicia -encabezada pola súa coordinadora nacional Isabel Faraldo- que visitaron a zona da Finca de Quintas onde Altri quere instalar a macrocelulosa e estiveron tamén con empresarios e produtores da zona.
Nun encontro cos medios, as voceiras de Ulloa Viva agradeceron o apoio de Podemos na loita contra Altri e pediron o apoio da formación en Madrid e Bruxelas, de onde o proxecto da macrocelulosa tería que recabar os fondos públicos que demanda para a súa posta en marcha e demostrar que non incumpre as directivas medioambientais da Unión Europea. A respecto, a voceira de Ulloa Viva Zeltia Laya, lembrou que na Comisión de Peticións da UE admitiron a trámite unha denuncia da Plataforma que “irá a Bruxelas a defender que o proxecto de Altri non cumpre con moitas directivas comunitarias”.
As voceiras de Ulloa Viva aproveitaron para denunciar “unha nova ofensiva” da Xunta de Galicia na súa campaña de requerimentos para exixir aos máis de 24.000 alegantes contra o proxecto de Altri que demostren ser persoas interesadas na tramitación. Marta Gontá criticou unha vez máis que “mentres o presidente da Xunta e as conselleiras de Medio Ambiente e Economía lle piden máis datos cunha alfombra vermella a Altri, ás veciñas e cidadáns seguen sen escoitarnos nin informarnos”.
Logo do “clamor social” o pasado 15 de decembro en Compostela con máis de 100.000 persoas nas rúas dicindo “Altri Non”, as voceiras da Plataforma Ulloa Viva afeáronlle aos membros do goberno galego que estes días falan de autorizacións, tramitacións e presións a funcionarios que “en case un ano non tiveran a decencia de falar coa veciñanza, coa xente, cos galegos e as galegas” e mentres tanto “nos temos que enterar polos medios das trapalladas que están a facer nesta tramitación”.
Publicidade
Desde a Plataforma Ulloa Viva deixaron claro que “as resolucións a favor que saian aprobadas pola Xunta deste proxecto imos levalas aos tribunais, coas firmas que leven, porque é a nosa responsabilidade e porque afecta directamente ao noso presente, a nosa economía, o noso benestar e o noso futuro e a saúde dos nosos fillos e fillas”.
En Palas de Rei, a coordinadora nacional de Podemos Galicia, Isabel Faraldo, dixo que “desde o Congreso das Deputadas e o Parlamento Europeo” os representantes de Podemos “farán todo o posible para evitar que o PP e Altri poñan en risco o noso territorio”. Faraldo considera “moi grave” que o Goberno do Estado trate a Altri como unha empresa máis á hora de acceder aos fondos Next Generation da Unión Europea e instou desde Palas de Rei a PSOE e PSdG “a que deixen clara a súa postura”, sinalando que “non pode pesar máis a presión do “lobby” Acento do exministro Pepe Blanco que o clamor de todo un pobo”.
Pola súa banda Juan López de Uralde dixo na visita que, logo de Ence, “a sombra da celulosa volve de novo a cernerse sobre Galicia polo proxecto da empresa portuguesa Altri”. En Palas de Rei asegurou onte que “desde Podemos Galicia e Alianza Verde estamos a traballar para que este proxecto non saia adiante, a todos os niveis, con presión popular, desde o Congreso e o Parlamento Europeo”. López de Uralde afirmou sobre o proxecto da macrocelulosa que “non parece boa idea, en tempos de cambio climático acelerado, dar o visto e prace a un proxecto destas características”.
Ademais, rebateu as explicacións da empresa sobre a vertedura ao río Ulla sinalando que “o argumento de que 30 millóns de litros devolveranse ao río depurados tampouco convence, xa que chegarán ao río con altas temperaturas, e alterando con iso o ecosistema fluvial”.
Reunións nos Ministerios de Sanidade e Cultura
Por outra banda, a Plataforma Ulloa Viva tamén acudiu onte en Madrid a sendas reunións nos Ministerios de Sanidade e Cultura para trasladarlles aos responsables destas áreas os informes técnicos sobre os impactos que o proxecto de Altri-Greenalia tería no territorio. Mónica Cea, xunto co médico Antón Santos e Miguel Pérez Cabezas, presidente das Asociacións do Camiño francés a Santiago, mantiveron encontros nestes dous ministerios, aos que informaron dos datos técnicos de distintos informes nos que queda patente o impacto do Proxecto Gama tanto na saúde da veciñanza coma no futuro do Camiño de Santiago coma Patrimonio de Humanidade pola Unesco.

No Ministerio de Sanidade, o secretario de Estado Javier Padilla recibiu á Plataforma, que lle trasladou que os estudos analizados detectan que o proxecto “terá potenciais impactos na saúde física (a través da contaminación atmosférica, das augas e acústica), psíquica (incertidume, silenzo institucional) e social (transformación do territorio, ruptura social), dos veciños das comarcas afectadas directamente e da ría de Arousa “o suficientemente graves como para recomendar a paralización do proxecto ata que se poida facer unha avaliación do impacto na saúde profunda”. Desde o Ministerio trasladouse á Plataforma que “están de acordo” coa posibilidade de que exista un problema de saúde pública e acordaron “seguir en conversas e solicitar máis información” sobre esta cuestión.
No Ministerio de Cultura, a Plataforma Ulloa Viva deixou claro que “o que aconteza no Camiño Francés non só afecta a Galicia senón ao resto de comunidades polas que pasa”. Os membros da plataforma Ulloa viva sacaron “moi boas sensacións” do encontro con Elena Gallego -asesora do Ministerio de Cultura- que lles trasladou a sensibilidade do departamento a respecto desta problemática e a súa “maior implicación” no asunto.
Comentários