MeLiSA entrega xa 5 portátiles de "Sementeira Dixital" para reducir a fenda dixital en Melide
Laura Moure/Melide
O pasado mes de setembro o Concello de Melide e a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) asinaron un convenio de colaboración para poñer en marcha un programa dirixido a facilitar equipos informáticos con software libre a alumnado en situación de vulnerabilidade ou con dificultades para dispoñer destes recursos. A iniciativa, denominada Sementeira Dixital, desenvólvese por primeira vez en Melide e ten entre os seus obxectivos reducir a fenda dixital, fomentar a autonomía neste ámbito e promover o software libre como ferramenta de acceso universal e equitativo á tecnoloxía. O proxecto xa está en marcha e xa deu os seus primeiros froitos.

"Onte (polo domingo) demos un novo paso: entregamos os cinco primeiros ordenadores portátiles ás familias beneficiarias do programa. Cada un destes equipos comeza agora unha nova etapa nun fogar, onde poderá converterse nunha ferramenta para aprender, estudar, facer traballos ou descubrir todo o que ofrece o mundo dixital", sinala MeLiSA.
Moito máis ca entregar un ordenador
Ademais apunta que entrega dos equipos veu acompañada dunha primeira explicación sobre o seu funcionamento e o uso básico das ferramentas instaladas. "Porque, como xa vos contabamos na presentación do proxecto, en Sementeira Dixital non queremos limitarnos a facilitar dispositivos: tamén queremos acompañar as persoas no seu primeiro contacto con eles e achegarlles os coñecementos necesarios para utilizalos con autonomía. Varias das familias beneficiarias teñen nenos e nenas que poderán utilizar os portátiles con fins educativos, tanto para realizar tarefas escolares como para acceder a recursos de aprendizaxe e desenvolver novas habilidades dixitais. Un ordenador non resolve por si só todas as dificultades de acceso á tecnoloxía, pero pode abrir moitas portas. E, ás veces, todo comeza por ter un equipo propio co que estudar, practicar e aprender".
PUBLICIDADE
Os equipos entregados levan instalada unha distribución Debian GNU/Linux 13, cun xestor de escritorio Cinnamon e un completo conxunto de software para poder levar a cabo calquera tarefa de tipo ofimático, de consultas na rede ou de xestión de trámites coa administración electrónica. Os equipos entregados foron nomeados como; Carballo, Castiñeiro, Freixo, Bidueiro e Ameneiro, "facendo referencia a esas árbores que son o resultado do traballo de sementar agora para recoller no futuro".
"Un proxecto que queremos que siga medrando"
Ademais dende MeLiSA explican que esta primeira entrega é só o comezo. "A nosa intención é que Sementeira Dixital medre e poida chegar cada vez a máis persoas e familias de Melide, en función dos equipos que consigamos recuperar, revisar e preparar para a súa reutilización. Para iso, seguiremos traballando na recuperación de ordenadores que aínda teñen moito que ofrecer, na súa posta a punto e na colaboración co Concello de Melide, no que os Servizos Sociais participan na identificación das familias destinatarias.
Detrás de cada equipo hai tamén tempo, coñecementos e traballo voluntario. Persoas que revisan os ordenadores, instalan software libre, preparan os dispositivos e contribúen a que poidan seguir sendo útiles durante moitos anos. Cada nova entrega é tamén unha pequena mostra do que podemos conseguir cando os recursos se aproveitan e o coñecemento se comparte".
PUBLICIDADE
Por último engade que "cremos que a tecnoloxía debe ser unha oportunidade, non unha barreira. Por iso apostamos pola reutilización dos equipos informáticos, polo software libre e pola aprendizaxe compartida como ferramentas para reducir a fenda dixital. Onte entregamos cinco portátiles. Hoxe, eses equipos comezan a formar parte da vida das familias que os recibiron. E mañá esperamos poder chegar a moitas máis. Sementeira Dixital xa está en marcha. Seguimos recuperando, compartindo e sementando novas oportunidades".
NOTICIA RELACIONADA:
Melide e MeLiSA asinan un convenio para facilitar ordenadores con software libre ao alumnado: https://www.ecosdacomarca.com/post/melide-e-melisa-asinan-un-convenio-para-facilitar-ordenadores-con-software-libre-ao-alumnado









Comentarios