Melide e MeLiSA asinan un convenio para facilitar ordenadores con software libre ao alumnado
- Laura Moure

- hace 8 minutos
- 3 min de lectura
Os Servizos Sociais identificarán as familias atendendo á súa situación socioeconómica e ás necesidades existentes, con prioridade para aquelas con máis nenos en idade de usar os equipos
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide e a Asociación de Usuarios deSoftware Libre da Terra de Melide (MeLiSA) asinaron un convenio de colaboración para poñer en marcha un programa dirixido a facilitar equipos informáticos con software libre a alumnado en situación de vulnerabilidade ou con dificultades para dispoñer destes recursos. O acordo foi asinado onte no Concello polo alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e o tesoureiro de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gayoso, coa presenza tamén da concelleira de Política Social, Carmen Liñeira.
A iniciativa, denominada Sementeira Dixital, desenvolverase por primeira vez en Melide e ten entre os seus obxectivos reducir a fenda dixital, fomentar a autonomía neste ámbito e promover o software libre como ferramenta de acceso universal e equitativo á tecnoloxía.

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, destacou a importancia desta colaboración para avanzar na igualdade de oportunidades e evitar que a falta de recursos tecnolóxicos poida
supoñer unha barreira. O rexedor incidiu tamén no valor de promover medidas que
contribúan á alfabetización dixital e poñan estes medios ao alcance de quen se atopa
nunha situación de maior vulnerabilidade.
Identificación das familias
Os Servizos Sociais do Concello de Melide, a través de Traballo Social e Educación Familiar, encargaranse directamente da identificación das persoas destinatarias. Para a súa selección teranse en conta a situación de vulnerabilidade socioeconómica documentada, a residencia permanente no municipio e a ausencia dun ordenador no
fogar ou a imposibilidade económica de adquirilo. A valoración incluirá tamén a motivación
para a aprendizaxe e o uso da tecnoloxía, así como o cumprimento das condicións legais
e administrativas requiridas. Ademais, considerarase o curso no que se atopen os
menores e primarán as familias con máis nenos e nenas en idade de utilizar os equipos.
PUBLICIDADE
Non existe un límite prefixado de persoas beneficiarias, xa que o número dependerá do
material que MeLiSA poida ir incorporando. Como punto de partida, a entidade dispón de
cinco portátiles e cinco ordenadores de sobremesa.
Software e cultura libre
MeLiSA é unha asociación de voluntariado creada en 2008 e con sede en Melide, dedicada á promoción e divulgación do software libre. Desenvolve actividades de
formación e instalación deste tipo de programas e defende tamén o concepto de cultura
libre, ligado ao coñecemento aberto, compartido e colaborativo.
A entidade traballa con diferentes organismos e administracións públicas que renovan
periodicamente o seu material informático. Desta maneira, pode recuperar ordenadores
que presentan moi boas características, preparalos para un novo uso e instalar neles
software libre.
O tesoureiro de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gayoso, incidiu en que Sementeira Dixital vai máis alá da cesión dun ordenador. A través dun sistema operativo libre, como GNU/Linux,
ou do paquete ofimático LibreOffice, búscase achegar tamén coñecementos sobre outras
ferramentas que non sexan privativas, e favorecer que cada persoa poida escoller as
opcións que mellor se adapten ás súas necesidades, sen quedar condicionada pola
necesidade de realizar un desembolso económico para acceder a determinadas
solucións.
Esta filosofía está detrás do propio nome de Sementeira Dixital, relacionado coa idea de
sementar e compartir coñecemento e de dar a coñecer posibilidades diferentes ás máis
habituais.
O traballo da asociación continuará unha vez cedido o material. Ao tratarse dun labor
voluntario, e en función da dispoñibilidade dos seus membros, MeLiSA ofrecerá
orientación sobre o uso do software e das ferramentas instaladas, facilitará titoriais e
recursos de aprendizaxe e prestará apoio inicial no manexo dos ordenadores. Tamén
ofrecerá soporte técnico e realizará o mantemento e as reparacións de hardware cando
sexan necesarias.
Para MeLiSA, esta primeira experiencia ten ademais un significado especial por desenvolverse en Melide, onde a asociación ten a súa sede.
PUBLICIDADE
Un convenio cunha duración inicial de cinco anos
O acordo terá unha duración inicial de cinco anos e non contempla unha achega económica directa entre as partes. O Concello encargarase da identificación das persoas
destinatarias, a coordinación administrativa, o apoio institucional e a difusión, mentres que
MeLiSA asumirá a achega dos ordenadores, o soporte técnico, o mantemento e a
formación.
Os equipos continuarán sendo propiedade da asociación durante a cesión e cada persoa
beneficiaria deberá asinar un contrato individual no que se recollerán as obrigas de
custodia e coidado.
O convenio prevé tamén a creación dunha Comisión de Seguimento, integrada por
representantes das dúas entidades, que supervisará o desenvolvemento do proxecto,
abordará as posibles incidencias e avaliará os seus resultados.








Comentarios