Melide presenta o Nadal Cultural 2025 cun programa diverso, participativo e centrado na comunidade
- Laura Moure

- hace 5 horas
- 5 Min. de lectura
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide vén de presentar este xoves a programación completa do Nadal Cultural 2025, nun acto celebrado no Salón de Plenos e presidido pola concelleira de Cultura e Deportes, Ana Mosteiro e o alcade José Manuel Pérez, acompañados de representantes de diversas asociacións culturais e deportivas da vila, que un ano máis colaboran activamente na construción dun Nadal aberto, participativo e pensado para toda a veciñanza.
Na presentación destacouse o papel esencial do tecido asociativo melidense, que xunto coa administración local fai posible un Nadal cheo de vida, identidade e participación. A concelleira subliñou que “Melide conta cun asociacionismo vivo, creativo e colaborativo, que converte o Nadal nun proxecto colectivo e nun reflexo da forza cultural e social da nosa vila”.

Un Nadal con novidades, tradición e cultura para todas as idades
O Concello anunciou un programa que abrangue música, teatro, exposicións, danza, maxia, literatura, deporte e actividades para toda a familia.
PROGRAMACIÓN COMPLETA DO NADAL CULTURAL 2025
SÁBADO 13 DECEMBRO
▪ Festival de Panxoliñas – 19:30 h, Centro Sociocultural Mingos de Pita
DOMINGO 14 DECEMBRO
▪ As Desterradas – Teatro adulto, 19:00 h, Centro Sociocultural Mingos de Pita
6 DECEMBRO → 6 XANEIRO
▪ Exposición de beléns nacionais e internacionais – Capela de San Antón (nova actividade deste ano)
15 DECEMBRO → 8 XANEIRO
▪ Exposición Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza – Casa do Concello
VENRES 19 DECEMBRO
▪ Concerto de Nadal – Conservatorio de Música de Melide – 19:00 h
SÁBADO 20 DECEMBRO
▪ Actuación de baile das Escolas Culturais – 18:00 h
MARTES 23 DECEMBRO
▪ Berenguela na gaiola – Teatro +6 anos, 17:30 h
SÁBADO 27 DECEMBRO
▪ Inherente – Maxia familiar, 19:30 h
DOMINGO 28 DECEMBRO
▪ Concerto Fin de Ano – Orquestra Clásica de Vigo – 19:00 h
▪ Baile con Suso de Boente (Centro Social)
MARTES 30 DECEMBRO
▪ De Vilatriste a Vilalegre – Teatro de monicreques, 17:30 h
MÉRCORES 31 DECEMBRO
▪ Carreira San Silvestre – Praza do Convento
VENRES 2 XANEIRO
▪ Rosa e Azul – Contacontos teatralizado +3, 17:30 h
SÁBADO 3 XANEIRO
▪ Baile con Trío Son Remolino (Centro Social)
LUNS 5 XANEIRO
▪ Cabalgata de Reis de Melide + Belén Vivente –
17:30 h: saída do pazo de Congresos
18:30 h, recepción real no belén vivente (Pazo de Congresos)

ACTIVIDADES DESTACADAS DO NADAL 2025
Destacan as seguintes propostas que, pola súa relevancia cultural, a súa novidade ou o seu arraigamento social, consideran eixos centrais deste Nadal:
As Desterradas (14 de decembro) – Obra de teatro para público adulto, con dirección de Quico Cadaval e un elenco de gran nivel artístico. Un thriller histórico que traerá a Melide unha proposta escénica de primeiro nivel.
TEATRO / ADULTO / 90 MIN
19:00 h, centro sociocultural Mingos de Pita
No século XVI, unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño vese ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica. Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dubidan en difamalas e ameazadas por todos os medios, dende o tribunal da Inquisición á violencia das mesnadas señoriais. Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A vida parece continuar coas súas rutinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos.
A heroica resistencia daquelas freiras chega agora encarnada nun elenco que conforman Belén Constenla, Melania Cruz, Rocío González, Rebeca Montero, Patricia Vázquez e Víctor Mosqueira iluminadas por Laura Iturralde e dirixidas por Quico Cadaval.
Concerto de Fin de Ano da Orquestra Clásica de Vigo (28 de decembro) – A formación orquestral máis antiga de Galicia despedirá o ano coa suite O quebranoces de Chaikovski, un clásico imprescindible destas datas. Música / Todos os públicos / 70 min. 19:00 h, centro sociocultural Mingos de Pita
É a formación orquestal máis antiga de Galicia. O director artístico Manuel Martínez Álvarez-Nava está ao frente da formación desde os seus comezos, destacando o interese continuado pola promoción e posta en valor do talento emerxente local.
Despide o ano a Orquesta Clásica de Vigo cun concerto dedicado ao gradisimo compositor P. I. Chaikovski, interpretando unha obra fundamental no seu repertorio: a Suite do quebranoces, unha obra enmarcada nas celebracións do Nadal que abraia coa mellor música sinfónica a maiores e pequenos.
Publicidade
Cabalgata de Reis de Melide (5 de xaneiro) – Un dos momentos máis emocionantes para pequenos e maiores, con Belén Vivente grazas a colaboración da Asociación cultural Charamela.
Exposición Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (Casa do Concello · 15 decembro → 8 xaneiro)
9:00 a 20:00 h. Entrada da casa do Concello de Melide
Unha mostra que pon o broche á conmemoración anual adicada á figura de Castelao e á súa traxectoria política e literaria. Con motivo do Ano Castelao, que conmemora o 75º aniversario da súa morte, Melide acolle a exposición “Castelao de ‘Sempre en Galiza’ ao Consello de Galiza 1934-1944”. A mostra percorre cronoloxicamente a actividade política e
literaria de Castelao desde 1934, cando asina os seus primeiros artigos no desterro estremeño, ata 1944, ano da publicación da primeira edición de Sempre en Galiza e da fundación do Consello de Galiza, do que foi primeiro presidente.
A exposición consta de oito paneis con materiais documentais e bibliográficos que resumen o pensamento político de Castelao.
Tradición consolidada en Melide, organizada polo tecido asociativo
"Actividades que son patrimonio emocional das nosas festas, memoria viva e
espellos de continuidade cultural".
Festival de Panxoliñas — organizado pola Coral Polifónica de Melide
Concerto de Nadal — Conservatorio de Música de Melide
Actuación de baile — Escolas Culturais Municipais
Carreira San Silvestre Melidense — Organizada pola Asociación Deportiva Cerne
"Como novidade dentro da programación organizada polo tecido asociativo, estreamos a presenza desta nova asociación na programación cunha mostra única de beléns procedentes do mundo e do territorio nacional. Exposición de Beléns nacionais e internacionais — Asociación Terra do Medio (Capela de San Antón · 6 decembro → 6 xaneiro)".
Música, danza e espectáculos familiares
O Concerto de Nadal do Conservatorio de Música de Melide celebrarase o 19 de decembro no Centro Sociocultural Mingos de Pita, ofrecendo unha mostra do traballo do alumnado e profesorado do centro.
A danza será protagonista o 20 de decembro, coa actuación das escolas culturais de ballet creativo, danza contemporánea e danzas urbanas, nun espectáculo familiar cheo de cor e movemento.
Publicidade
Para o público infantil e familiar haberá diversas propostas:
Berenguela na gaiola, teatro +6 anos, o 23 de decembro
Maxia con Marcos Waldemar e o seu espectáculo Inherente, o 27 de decembro. Organiza Waldemar Capital. Compra de entradas en entradium.com.
Teatro de monicreques De Vilatriste a Vilalegre, o 30 de decembro. O contacontos teatralizado Rosa e Azul, o 2 de xaneiro, na Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor
Actividade deportiva
O 31 de decembro celebrarase unha nova edición da Carreira San Silvestre Melidense, organizada pola Asociación Deportiva Cerne, con saída desde a Praza do Convento e categorías para todas as idades.
Actividades de lecer durante o Nadal
As crianzas de Melide poderán gozar dun programa de ocio educativo os días 22, 23, 26, 29, 30 de decembro e 2 de xaneiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. (Inscricións do 2 ao 5 de decembro). "Unha opción perfecta para aprender, xogar e convivir nas vacacións e
proporcionar unha alternativa de conciliación da vida laboral e familiar para as familias".
A concelleira, Ana Mosteiro invita á veciñanza de Melide, ás familias, á mocidade, á infancia e ás persoas maiores a participar, asistir, vivir e sentir cada unha das propostas que hoxe presentamos.








Comentarios