top of page

Melide porá en valor o seu cruceiro, o máis antigo de Galicia cun investimento duns 8.000 euros

28 may 2022
1 min de lectura

Os traballos, que se prolongarán durante aproximadamente tres semanas, comprenderán obras de cantería e de restauración, así como a creación de sinalización


Laura Moure/Melide

O Concello de Melide levará a cabo obras de posta en valor do cruceiro de Melide, un dos máis importantes do seu tipo e o máis antigo de Galicia, datado no século XIV. Este elemento patrimonial, que se atopa no interior do espazo urbano sen que a súa trascendencia quede de manifesto, será sometido a un proceso de restauración, acompañado pola remodelación da praza na que se atopa. Do mesmo xeito, instalarase

sinalización que divulgue o seu valor histórico, tal e como informa o Concello.

O cruceiro de Melide está situado nunha praza próxima á igrexa de San Roque, zona de encontro de veciños e de peregrinos. Os traballos de posta en valor incluirán a extracción da vara e da cruz coa axuda dun camión pluma, a embalaxe e traslado ata o obradoiro da empresa restauradora (Bic) e unha limpeza superficial das pezas que conserve a pátina.


Na zona onde se sitúa o cruceiro retirarase a placa metálica e o cemento, así como os pasos, realizándose unha nova cimentación. O cruceiro restaurado será trasladado á nova base e remontado. Os elementos do cruceiro fixaranse con cuñas de chumbo. A nova cinta de suxeición será de aceiro inoxidable.

Despois da restauración instalarase cartelería divulgativa que explique a historia e características do cruceiro. Esta intervención definirá de novo o espazo da praza, creando un lugar axeitado para o disfrute desta peza patrimonial e a xuntanza de veciños e peregrinos. Os traballos terán un custo próximo aos 8.000 euros e o tempo estimado do traballo é de tres semanas.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page