Proxeccións de documentais e filmes, xornadas micolóxicas, o magosto, presentación dun libro, actividades polo 25 N ou a Semana da Música Terra de Melide completan a programación
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide organizou, a través do departamento de Cultura, unha ampla programación cultural para o mes de novembro. Na axenda non faltará a cultura tradicional nin as actividades típicas do outono, coma o Magosto ou as Xornadas Micolóxicas. Ademais, a programación inclúe varias proxeccións cinematográficas. Por outra banda, e coincidindo coa celebración do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, a axenda inclúe actividades relacionadas con esta data.
A programación arrincou onte, o xoves, 2 de novembro, coa proxección do documental Non Somos Nada, de Javier Corcuera. O documental percorre 40 anos de historia de La Polla Records, lendaria banda do punk vasco, da man do seu vocalista, Evaristo Páramos. Será ás 20:30 horas no Centro Sociocultural Mingos de Pita.
Publicidade
O venres 3 de novembro, a Sala de Conferencias do Edificio Multiusos acolle, dende as
20 horas, a segunda edición do Ciclo Cultural Literatura no Camiño. Desta volta, a autora
Paula Carballeira presentará o seu libro As alumnas;, Premio Nacional de Literatura
Dramática. Na obra recupérase a memoria da mestra coruñesa María Barbeito.
O mesmo venres, 3 de novembro, proxectarase ás 20:30 horas no Centro Sociocultural Mingos de Pita o filme de ficción Código Emperador con Luís Tosar. Trátase dun absorbente thriller dirixido polo galego Jorge Coira.
O sábado 4, e novamente o sábado 18 de novembro, terán lugar as Xornadas Micolóxicas, centradas nun dos grandes produtos do outono galego como son os cogomelos. As xornadas, que se celebrarán ambos días entre as 10 horas e as 14 horas, incluirán
saídas ao monte para aprender a identificar e distinguir as especies comestibles e
velenosas que se atopan na contorna municipal. A inscrición para a actividade pode facerse no departamento de Cultura do Concello.
Ao día seguinte, o domingo 5 de novembro, terá lugar a celebración do Magosto no
cantón de San Roque. Comezará con xogos tradicionais ás 17:30 horas. A partir das 19:30 horas, haberá degustación de castañas do país e chocolate. Ás 20 horas amenizará a xornada o grupo Tanto nos ten.
O xoves 9 de novembro proxectarase a cinta fantástica galega O corpo aberto, baseada
no relato Lobosandaus do libro Arraianos do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, e dirixida
por Ángeles Huerta. Será ás 20:30 horas no Centro Sociocultural Mingos de Pita. No mesmo lugar e hora, ao día seguinte -venres 10- proxectarase a cinta de animación Valentina.
O xoves 16 proxectarase a peza documental María Casares, a muller que viviu mil vidas. Ao día seguinte, venres 17, será a quenda da película Live is life;. Ambas as dúas sesións
terán lugar no Centro Sociocultural, ás 20:30 horas.
Pola súa banda, o xoves 23 proxectarase, no mesmo sitio e hora, o documental Onde máis doe;, que recolle un arrepiante caso de violencia vicaria e maltrato. A última proxección do ciclo será o xoves 30 de novembro, cando se poderá ver o filme de animación Unicorn Wars, tamén ás 20:30 horas.
O mércores 29 de novembro, ás 19:30 horas e no Centro Sociocultural Mingos de Pita, a
autora melidá Fe Núñez presentará o seu libro En sístole.
Publicidade
Actividades polo 25-N
Coincidindo coa celebración do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a
Muller, a Axenda Cultura inclúe varias actividades relacionadas con esta data. Deste xeito,
terán lugar dúas charlas no Centro Social. A primeira será o martes 14 de novembro ás
17 horas co título Saúde mental e muller. A segunda, Solo pelviano, será o 28 de novembro á mesma hora. Ademais, o sábado 25 de novembro terá lugar a tradicional andaina e
lectura do manifesto por esta data, ás 10 horas na praza do Concello.
Semana da Música da Terra de Melide
O mes de novembro tamén trae consigo unha nova edición da Semana da Música da terra de Melide. Será a trixésimo terceira edición. Todas as actividades se realizarán ás 19 horas no Centro Sociocultural Mingos de Pita, os días 11, 12, 18, 19, 24, 25 e 26 de novembro.
Comments