Melide levará a cabo obras de humanización e mellora da seguridade viaria na Avenida de América
- Laura Moure

- 3 oct 2025
- 2 Min. de lectura
As obras terán un custo de 182.864,43 € e desenvolveranse ao longo de catro meses
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide vai levar a cabo obras de pavimentación e mellora na Avenida de América e as rúas Fernández Flórez, Alfonso Castelao e Magallanes, situadas na área norte do centro urbano melidao. A intervención comprenderá un tramo total de 287 metros de lonxitude entre as distintas vías e pretende humanizar e adecuar o espazo público.

Os traballos destínanse a mellorar tanto a funcionalidade como a seguridade de uso destas rúas, tendo en conta tanto peóns como tráfico rodado. Dado que a zona se caracteriza por tramos de beirarrúa moi estreita e inadecuada dende o punto de vista da
accesibilidade das persoas con mobilidade reducida, a intervención instalará unha plataforma a nivel compartida por tráfico rodado e peonil. O espazo de uso para cada tipo
de circulación estará delimitado polos materiais e a súa disposición. A zona destinada ao
paso de vehículos será xa que logo asfaltada, mentres que a parte peonil constará de
pavimento en baldosa. No proxecto tamén se inclúe a canalización de augas pluviais. As
beirarrúas actualmente existentes serán demolidas.
PUBLICIDADE

A área de intervención está conformada por unha serie de rúas que padeceron historicamente problemas comúns como a falta de ordenación do tráfico e a escasa
anchura das beirarrúas, que en ocasións non chega aos 90 centímetros e non resultan accesibles para persoas con mobilidade reducida.
PUBLICIDADE
As obras foron adxudicadas, por procedemento aberto simplificado, a Excavaciones
Santiños SL por un valor de 182.864,43 euros. O prazo para a realización dos traballos é de catro meses. O proxecto inclúese na segunda fase do POS+ Adicional da Deputación da Coruña.







Comentarios