Melide leva a cabo melloras de mobilidade na rúa México, que conta xa cun novo aparcadoiro
- Laura Moure
- hace 4 días
- 2 Min. de lectura
A rúa Alhóndiga non será transitable en vehículo durante os días de mercado
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide continúa levando a cabo intervencións no espazo público para a mellora da mobilidade. Desta volta, vén de habilitar un novo estacionamento público e gratuíto na rúa México que ofrece xa un gran número de prazas na contorna do centro urbano melidao, contribuíndo á desconxestión do tráfico rodado na vila.

O novo espazo de estacionamento, que se engade ao xa existente nas proximidades, foi habilitado grazas á cesión dos terreos por parte de varios particulares. A instalación do novo aparcadoiro supón, igualmente, unha readaptación dos usos da vía e do espazo
circundante, a fin de facilitar o uso das novas instalacións. Con este obxectivo, de agora en adiante o estacionamento estará prohibido en ambos os dous sentidos da rúa México.
Igualmente, a saída desde a Rúa México polo Camiño das Cabadas non estará permitida polo que se instalou a correspondente sinalización vertical.
Publicidade
O novo aparcadoiro público súmase á longa lista de espazos de estacionamento
habilitados nos últimos anos polo Concello de Melide, que inclúe, alén do previamente
existente na rúa México, os da avenida da Habana, o Castelo e a rúa Rosalía de Castro.
Por outra banda, e dentro das actuacións levadas a cabo para mellorar a mobilidade na
zona, o Concello de Melide anuncia a prohibición de circular en vehículos en toda a rúa
Alhóndiga os días de mercado, entre as 8 e as 15 horas. Esta medida facilitará a realización da actividade comercial sen os inconvenientes ocasionados polo tráfico de vehículos, e comezará a aplicarse xa mañá, domingo, 1 de xuño.
Comentarios