Melide lanza unha campaña coas empresas de servizos funerarios para impulsar o uso do galego
- Laura Moure

- 29 oct 2022
- 2 Min. de lectura
Busca o impulso do emprego do noso idioma en actos fúnebres, derradeiras vontades, placas mortuorias e necrolóxicas
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide deu a coñecer esta semana a campaña de normalización lingüística Melide agora e sempre en galego. A iniciativa, en colaboración coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, procura impulsar o uso da lingua galega no ámbito funerario: dende os actos fúnebres ás necrolóxicas, pasando polas derradeiras vontades ou as placas mortuorias. Trátase de que o galego teña unha presenza neste ámbito coherente co uso maioritario que a veciñanza melidá fai decote da lingua propia de Galicia.
Dentro desta campaña, o Concello asinou un documento coas funerarias, marmorarías e
florarías da localidade para promover os servizos en galego por parte destes negocios. Asinan o documento a Funeraria El Mueble, Funeraria Vizcaíno, Floristería Maru, Floristería Tarrío, Floristas Esther e Cris Conde, Marmolería Melide, Marmoleria Caenva e o propio Concello de Melide. Dentro das disposicións do acordo, estes negocios comprométense a ofrecer os seus servizos tamén en galego, incluíndo notas necrolóxicas, fitas de flores, documentación ou lápidas. As empresas asinantes promoverán positivamente o galego no seu contacto coas persoas e familias que adoitan falalo, ofrecendo a posibilidade de que o servizo mortuorio e todo o material asociado se realice en lingua galega. Tamén se respectará a toponimia oficial nos textos, e promoverase o uso do galego nas publicacións.

Para facilitar a tarefa, o Servizode Normalización Lingüística de Melide porase ao dispor destas empresas. Ademais, estas recibirán un Manual de recursos en lingua galega para actos funerarios.
Dentro da mesma campaña, o Concello colocará placas conmemorativas na entrada dos
cemiterios municipais (o Castelo e Furelos) que rezarán Na memoria de todas as persoas
que aquí xacen, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu. Trátase de homenaxear así o legado lingüístico dos devanceiros. Dentro da mesma acción dinamizadora, terá lugar unha declaración institucional do Día da Restauración Lingüística.
Derradeiras vontades
Ademais, o Concello promoverá entre a veciñanza a posibilidade de testar en lingua galega. As derradeiras vontades redáctanse maioritariamente en castelán, malia tratarse
o galego da lingua máis habitual en Melide.
Por último, a campaña buscará sensibilizar sobre o uso do galego na liturxia dos enterros. Cabe dicir que dende 1969 o galego é oficial nas celebracións relixiosas. A relixión
católica é maioritaria en Melide e boa parte das persoas crentes e persoas practicantes
son galegofalantes. O Concello entende que a veciñanza ten dereito á presenza do
galego en todas as dimensións da relixiosidade e tamén no momento da despedida dos
seus seres queridos.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, puxo en valor a importancia desta campaña durante a presentación na Casa do Concello. Lamentou que na actualidade só unha de
cada 1.000 lápidas en Galicia son redactadas en galego e apenas o 2% das necrolóxicas .
“Todas e todos os melidaos temos dereito a ser soterrados na lingua que nos viu nacer”, aseverou o rexedor, sinalando así o carácter de restitución de dereitos lingüísticos desta
campaña.
Por outra banda, o mandatario agradeceu a implicación das empresas do sector funerario local e a súa boa disposición para que o galego recupere espazos de uso en todos os ámbitos.







Comentarios