Melide celebrará os días 25 e 26 de abril a 19ª Foliada, unha das grandes citas da cultura tradicional galega
- Laura Moure

- hace 1 día
- 4 Min. de lectura
O alcalde José Manuel Pérez e a concelleira Carme Liñeira presentaron a programación dun evento que volverá encher a vila de música, baile e tradición
Laura Moure/Melide
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e a concelleira Carme Liñeira presentaron este venres a programación da 19ª Foliada de Melide, que se celebrará os días 25 e 26 de abril e que volverá converter a vila nun punto de encontro arredor da música tradicional galega. Durante a presentación, o rexedor destacou o papel que xoga esta celebración dentro da cultura popular galega e o ambiente que se xera na localidade durante os dous días do festival, nos que centos de foliadeiros e foliadeiras participan nas distintas actividades programadas.
José Manuel Pérez comezou a súa intervención agradecendo o traballo da Asociación Cultural e Musical O Castelo, “os e as artífices de que esta idea tomara forma no ano 2005 ata conseguir ser unha das celebracións musicais de referencia en Galicia”. O alcalde tamén recoñeceu o apoio das entidades colaboradoras e das persoas voluntarias que cada ano contribúen á organización da Foliada. A punto de cumprirse dúas décadas do seu nacemento, o rexedor puxo o acento na orixe popular desta celebración, lembrando que se trata dun evento que “naceu do propio pobo de Melide e do acervo que sempre houbo na vila arredor da música tradicional”.

José Manuel Pérez destacou tamén o ambiente que caracteriza a Foliada. Neste sentido, sinalou que “son días de festa nos que se convive, se intercambia con xente coñecida, descoñecida, grupos, amigos, familias... Todo o mundo se leva ben con todo o mundo e iso fai da Foliada un éxito colectivo sen parangón”. O alcalde reafirmou ademais o compromiso do Concello coa continuidade desta celebración, subliñando que “a Foliada forma parte xa da nosa identidade e queremos que siga medrando sen perder a esencia coa que naceu e a forza que ten detrás”.
Pola súa banda, a concelleira Carme Liñeira foi a encargada de presentar polo miúdo a programación desta edición. Segundo explicou, o programa mantén as actividades máis representativas desta cita e incorpora propostas pensadas para públicos moi diversos. Neste sentido, destacou que “os cantos de taberna, o serán, as mostras de baile tradicional ou a mostra de artesanía son os ingredientes perfectos para que esta receita siga funcionando con éxito ano tras ano”.
PUBLICIDADE

Liñeira subliñou tamén que a programación inclúe concertos, animación de rúa, actividades culturais e propostas familiares co obxectivo de que a música tradicional volva ocupar as rúas da vila durante toda a fin de semana.
Programación
Sábado, 25 de abril
11:00 horas: Apertura da Mostra de Artesanía e Instrumentos, instalada na Praza do Convento durante toda a fin de semana. A mostra reunirá artesáns de diferentes puntos do país en catorce postos dedicados á elaboración de instrumentos tradicionais e á confección de traxes tradicionais.
11:30 horas: Animación de rúa con xigantes e cabezudos, acompañados polo grupo Os Treboeiros de Muimenta, que percorrerá as rúas da vila enchendo de música e ambiente festivo o inicio da xornada.
12:00 horas: 15º Concurso de Cantos de Taberna, un dos momentos máis agardados da Foliada. Os grupos participantes realizarán un percorrido polos bares da zona antiga de Melide interpretando pezas tradicionais.
15:30 horas: Entrega de premios do 15º Concurso de Cantos de Taberna na Praza das Coles.
17:00 horas: Nova sesión de animación de rúa co grupo Os Treboeiros de Muimenta.
17:30 horas: Obradoiro de baile para adultos na Praza do Convento, impartido por Manu Seoane coa colaboración de Bico da Balouta.
19:00 horas: Marcha gaiteira polas rúas da vila, na que participarán 13 agrupacións musicais que se repartirán por diferentes rúas e prazas de Melide. Rematarán no Cantón de San Roque.
19:30 horas: Serán na Praza das Coles, considerado o xermolo da propia Foliada. O nacemento desta aventura foi un serán, unha reunión de amigos e amigas para tocar e bailar, que se fixo grande e colleu vida propia. Nesta cita participarán diferentes agrupacións musicais que tocarán para que o público poida bailar e desfrutar dunha noite de música tradicional. Nesta edición participarán Herba Grileira gaita e Herba Grileira pandeireta (Melide), A Maristela gaita e A Maristela canto (Sobrado dos Monxes), Bingo Birón (Toques), Fol da Chousa (Santiso), Gaiteiros do Balado (Toques), Pozo Pequeno (Melide), Froito Novo (Melide), Eu que sei taberneiros (Culleredo), Airiños Galegos Doce Albor (Santurtzi), A Rexouba (A Coruña), Bringuelo (Arzúa) e Palacio do Rei gaita e Palacio do Rei canto (Palas de Rei).
24:00 horas: Actuación de Os Carecos na Praza das Coles.
02:00 horas: Actuación de Os d’Abaixo na Praza das Coles.
Publicidade
Domingo, 26 de abril
11:00 horas: Apertura da Mostra de Artesanía e Instrumentos na Praza do Convento.
11:30 horas: Animación de rúa coa Banda de Gaitas de Ortigueira acompañada de xigantes e cabezudos.
12:00 horas: Presentación musicalizada do libro O violín que trae o vento, de Adrián Méndez, na Capela de Santo Antón. A obra relata a vida de Modesta Fernández, coñecida como “A cega de Noceda”, unha violinista de A Fonsagrada que se converteu nunha artista inesquecible na música tradicional da zona.
13:00 horas: Actuación da Banda de Gaitas de Ortigueira na Praza do Convento.
14:00 horas: Sesión vermú na Praza das Ichoas co grupo Irmaus da Raia Seca.
17:00 horas: Actuación infantil na Praza do Convento con Os Monifates.
18:00 horas: Xogos populares na Rúa Convento, organizados pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.
18:00 horas: Mostra de baile tradicional, con Cantigas e Flores de Lugo, na Praza do Convento.
19:00 horas: Actuación de Felisa Segade na Praza das Coles.
21:00 horas: Actuación de Tiruleque na Praza das Coles.
A Foliada de Melide A Foliada de Melide comezou a súa andaina no ano 2005 e, tras 19 edicións, consolidouse como unha das citas anuais máis destacadas da cultura tradicional galega. Desde o ano 2022, o Concello de Melide asumiu a organización deste evento, que conta tamén coa colaboración de arredor de 50 persoas voluntarias.







Comentarios