top of page

Melide celebra o San Pedro recoñecendo as traxectorias de Os Melidaos e do doutor Eladio García

Laura Moure/Melide

O Concello de Melide celebra mañá, domingo, 29 de xuño, unha nova edición das súas afamadas e tradicionais Festas de San Pedro. Un ano máis, o Concello entregará nesta efeméride as Medallas de Ouro do Concello de Melide, que recoñece distintas contribucións ao municipio por parte de persoas e entidades. Neste 2025, as distincións recaen na agrupación musical Os Melidaos e, a título póstumo, no doutor Eladio García Rodríguez.

O conxunto os Melidaos é un dos grupos máis importantes dedicados á música tradicional galega. Nados en 2001 en Melide, xuntou músicos de distintas xeracións e procedencias, primeiro como agrupación gaiteira e incluíndo, máis adiante, a voz. Aínda hoxe esta dualidade entre gaita e voz continúa a ser un dos seus sinais de identidade. O seu compromiso coa preservación e difusión da música tradicional galega é amplamente recoñecido.

Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Con catro discos no seu haber, en 2024 foron recoñecidos co Premio Martín Códax da Música Galega ao mellor grupo tradicional. Os seus integrantes actuais son Pepiño Blanco López (Melide) ao bombo e voz; Antonio Raposo Vidal (Arzúa) á gaita, pínfano e voz; César Tarela Pérez (Boiro) ao tamboril e voz; Marina Fernández Vigo (Vigo) á gaita; Xele Barrio Blanco (Melide) ao acordeón e voz; Luís Sánchez Bolón (A Coruña) á gaita e Felipe Sar Pose, de Muxía, á voz e á pandeireta.


Eladio García Rodríguez (1922-2014) foi un médico melidao nado en Riocovo, na parroquia do Barreiro, que durante décadas exerceu a súa profesión en Melide e na súa contorna, como médico xeneralista e de asistencia pública domiciliaria. Persoa polifacética, don Eladio foi concelleiro nos anos 90. Xogou un papel moi importante na adquisición dos terreos do campo da feira, así como na doazón do espazo para o vello centro médico e na reclamación, nos anos 70, do instituto para Melide. Apaixonado polo deporte, chegou a xogar no Atlético Melidense. Pero sen dúbida, o maior recordo que deixou en Melide é o da súa entrega á medicina e ao coidado da saúde da veciñanza, á que atendeu sempre que foi necesario, sen ter en conta o lugar nin o horario.



Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Programación das festas

A entrega de Medallas terá lugar, como tradicionalmente, na Casa do Concello ás 12 da mañá do domingo 29. Previamente, ás 11:30 horas, o conxunto Herba Grileira levará a cabo un pasarrúas con gaitas polas rúas da vila.


Posteriormente, ás 13 horas, celebrarase unha misa solemne na Igrexa parroquial seguida pola tradicional procesión.


As festas pecharanse co concerto da Banda de Música de Visantoña ás 20:30 horas. Esta actuación terá lugar na Praza do Convento.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page