top of page

Melide asinará con Toques, Arzúa, Santiso e Vilasantar un convenio para ocuparse da atención temperá

Isto servirá para optar de maneira conxunta ás subvencións autonómicas destinadas

á prestación de servizos de atención temperá durante 2022


Laura Moure/Melide

O Concello de Melide sumará esforzos cos concellos veciños de Toques, Arzúa, Santiso e Vilasantar para asinar un convenio destinado a optar conxuntamente ás subvencións autonómicas para a prestación de servizos de atención temperá. O Concello de Melide optará por esta modalidade de concorrencia conxunta para a xestión compartida das axudas para cumprir axeitadamente coas bases da convocatoria, que só establecen a xestión individual en concellos con máis de 10.000 habitantes.

A orde reguladora foi publicada no Diario Oficial de Galicia nº 27, do 9 de febreiro do presente ano. A concelleira de Política Social, Carmen Liñeira, sinala que, con este acordo conxunto cos concellos da contorna, Melide poderá “dar resposta adecuada a unha necesidade detectada con gran frecuencia. Para nós é prioritaria a atención á infancia e ás necesidades derivadas de trastornos de desenvolvemento, que poden afectar gravemente á vida da persoa”, sinalou.

A atencion temperá engloba todas aquelas intervencións destinadas á poboación infantil entre 0 e 6 anos, así como á súa familia e contorna, que procuran responder a posibles necesidades de nenas e nenos con trastornos de desenvolvemento ou con risco de padecelos. Búscase desenvolver a súa autonomía e inclusión social, atendendo tanto necesidades transitorias como permanentes.


Estas axudas subvencionarán a prestación de servizos de atención temperá entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro do ano vixente.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page