Melide acolleu un acto de confraternidade entre o Camiño Francés e o Camiño Lebaniego
- Laura Moure
- hace 3 días
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Melide

A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu este venres ao acto de confraternidade entre o Camiño Francés e o Camiño Lebaniego, organizado pola Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, que preside Olga Iglesias Fontal. A representante autonómica destacou a importancia de fortalecer os lazos entre as diferentes rutas xacobeas, poñendo en valor o seu papel como vías de encontro cultural, espiritual e económico. Neste senso, destacou o compromiso da Xunta coa protección, preservación e promoción do patrimonio xacobeo, clave para o desenvolvemento sostible dos territorios polos que discorren os camiños.
Neste acto de confraternidade participaron representantes dos municipios cántabros do Camiño Lebaniego, San Vicente de la Barquera, Herrerías, Lamasón, Cillorigo de Liébana, Camaleño e Vega de Liébana, e a directora da Fundación Camino Lebaniego, Pilar Gómez Bahamonde, así como representantes dos concellos galegos do Camiño Francés.
Publicidade
O acto serviu para consolidar a colaboración institucional e social arredor do Camiño de Santiago, reforzando así a proxección destas rutas de peregrinación que forman parte esencial da identidade de Galicia e Cantabria.
Publicidade
O Camiño Francés supón a principal ruta xacobea. Nos oito primeiros meses do ano, 170.352 persoas recolleron a Compostela tras percorrer este itinerario, un 2% máis que no mesmo período de 2024. Deles, 74.906 foron de procedencia estranxeira, o 45% do total.
Sumando todas as rutas, no que vai de ano rexistráronse 373.688 peregrinos, dos que o 64% procederon de fóra de España. En xeral, foi un 5% máis que en 2024. O Camiño Francés é o máis percorrido co 45,7% de peregrinos.
Comentarios