“Nunha asociación coñecemos casos similares ao noso, compartimos experiencias de éxito e de fracaso, e podemos atopar solucións”, subliñou Ángeles Vázquez
Laura Moure/Melide
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo este sábado e n valor a utilidade do asociacionismo feminino como ferramenta para defender intereses colectivos durante a súa participación no Encontro de mulleres rurais, celebrado en Melide.
“Nunha asociación coñecemos casos similares ao noso, compartimos experiencias de éxito e de fracaso, e podemos atopar solucións”, subliñou Ángeles Vázquez, que engadiu que “o asociacionismo fainos máis fortes cos mesmos recursos”.
De feito, o Goberno galego avoga pola cooperación entre administracións, tecido social e produtivo, e cidadanía para afrontar cuestións tan relevantes como a loita contra o cambio climático porque un compromiso transversal, conxunto e coordinado de toda a sociedade é fundamental para conseguir confluencias que multipliquen o efecto das súas accións individuais.
Nesa liña, cómpre lembrar iniciativas como a Alianza galega polo clima ou a Rede local polo clima que buscan aproveitar sinerxías e intercambiar experiencias na mitigación dos efectos do quecemento global con empresas, entidades sociais e concellos.
Para concluír, a conselleira enxalzou o traballo que levan a cabo entidades como a Asociación de Mulleres Rurais da Comarca de Melide Alecrín para contribuír ao empoderamento e conseguir que “a voz das mulleres do rural se escoite máis forte”.
Publicidade
No marco do acto organizado con motivo do Día internacional da muller rural, tamén se entregaron os premios Mulleres con luz para recoñecer a unha vintena de asociacións de mulleres de toda Galicia, como, por exemplo Mulleres de seu, cuxo galardón lles foi entregado por Ánxeles Vázquez. Trátase dun grupo interxeracional de gandeiras, integrado por socias de CLUN, que busca fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres no rural así como contribuír á transformación do rural como motor de emprendemento e innovación, como un medio sostible e como un lugar onde vivir e traballar.
Comments