top of page

Medio Rural reúnese cos afectados polo incendio de Toques para explicar o paquete de axudas da Xunta

A conselleira María José Gómez sinalou que o seu departamento conta con ata oito liñas de achegas diferentes para paliar os danos nas explotacións forestais, gandeiras e agrícolas


Laura Moure/Toques

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse este sábado cos veciños da parroquia de San Martiño de Oleiros, no concello de Toques, na que se rexistrou un incendio forestal o pasado 14 de agosto. Nesta xuntanza expuxo as achegas habilitadas polo seu departamento para os afectados polos lumes.

ree

María José Gómez explicou que a Consellería do Medio Rural convocou o pasado sábado oito liñas de achegas diferentes para paliar os danos nas explotacións forestais, gandeiras e agrícolas. Estas partidas cubrirán o 100 % do investimento, cun límite máximo en función do tipo de axuda, que nalgúns casos pode chegar aos 200.000 euros por persoa. Deste xeito, sinalou que unha mesma persoa pode solicitar unha ou varias liñas.


No caso das explotacións gandeiras e agrícolas cóntase con achegas para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións. A conselleira destacou que, no caso de que quedasen inutilizados, estas ferramentas poderán ser substituídas por maquinaria nova ou de segunda man. A contía máxima é de 200.000 euros por persoa.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas superviventes das zonas afectadas é o obxecto dunha das liñas, cuxa contía máxima ascende ata os 15.000 euros por persoa. Indemnizarase tamén aos gandeiros e agricultores por perdas na produción, salientou a conselleira. Por outra banda, as achegas para paliar a morte de gando ou abellas estimaranse segundo o tipo de especie e a idade do animal.


No eido das explotacións forestais, Gómez destacou as partidas específicas para a reparación dos danos causados a infraestruturas -cun máximo de 15.000 euros por persoa-; as achegas para a reparación de maquinaria e equipamento forestal danada na colaboración na extinción de incendios -ata os 50.000 euros por persoa- e para a afectación en madeira amoreada queimada e de corta -ata 50.000 euros por persoa-. Por último, salientou a liña para a reposición de forestacións, cuxo orzamento ascende ata os 100.000 euros por persoa.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

17 puntos de información e asesoramento

No marco da aposta do Goberno autonómico por reverter os danos provocados polos incendios forestais durante o mes de agosto, púxose ao servizo dos damnificados polos incendios forestais a rede de Oficinas Rurais que hai espallada polo territorio galego.


Así, activáronse ata 17 puntos de información e asesoramento para os cidadáns. Nestas oficinas hai técnicos dos distintos departamentos da Xunta implicados nas axudas. Nas comarcas hai en Melide e Lalín.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page