top of page

Medio Rural mantén as medidas de prevención fronte á dermatose nodular contaxiosa ata o 1 de febreiro

Segue estando activo o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os animais procedentes de explotacións de fóra de Galicia e mantense tamén o permiso para a súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro


Laura Moure/Xeral

A Consellería do Medio Rural mantén as medidas de prevención fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC) ata o 1 de febreiro de 2026, inclusive, para protexer a cabana bovina galega, podendo ser prorrogadas segundo a evolución epidemiolóxica. O Diario Oficial de Galicia publicará o vindeiro martes, 30 de decembro, a resolución pola que se dá continuidade a estas medidas, cuxa vixencia remataba o 31 deste mes.


Polo tanto, segue permitida a celebración de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino en Galicia con finalidade comercial, con animais procedentes de explotacións galegas.  No caso da celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións de gando bovino, deberá contarse coa autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.

ree

Ademais, segue estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante o mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.


Así mesmo, segue sendo obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro. Cabe sinalar que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Mensaxe de tranquilidade

Por outro lado, a Consellería do Medio Rural lanza unha mensaxe de tranquilidade ao sector, dado que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas. Asemade, séguese reclamando ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación unha maior implicación do seu departamento e unha estratexia clara de coordinación para o control eficaz desta enfermidade, co fin de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade no sector gandeiro.


Tamén se lle pediu que lidere, no marco da Unión Europea, unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva e que se modifique a categoría da enfermidade -actualmente considerada A, a máis grave das existentes-, xa que repercute de forma moi esixente no sector.


A dermatose nodular contaxiosa

Esta doenza é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. Convén sinalar que esta enfermidade non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza en Cataluña, supuxo un importante aumento do nivel de risco de aparición da DNC en Galicia.


A fin de previr a súa entrada no territorio de Galicia, faise necesario tomar medidas sanitarias cautelares, co fin de protexer á cabana bovina galega. Por parte da Consellería do Medio Rural púxose en marcha xa no verán unha campaña de información para o sector gandeiro co fin de explicar esta enfermidade e recomendar o incremento de medidas de prevención e bioseguridade nas explotacións, xa antes de que se detectaran os primeiros focos da doenza en España.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page