Medio cento de propostas e actividades na rúa encherán o Mercado Medieval de Melide
- Laura Moure

- 28 jul
- 3 min de lectura
A cita será do 7 ao 9 de agosto
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide presentou o cartel e a programación do Mercado Medieval, que se celebrará os días 7, 8 e 9 de agosto no centro histórico. Medio cento de propostas e actividades na rúa compoñen unha cita que volverá transformar o corazón de Melide nun espazo de ambientación medieval durante a segunda fin de semana de agosto.

Durante tres días, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dun mercado de artesanía e
gastronomía, música, animación de rúa, espectáculos e actividades para todos os públicos. As rúas do centro histórico acollerán durante toda a fin de semana pasarrúas musicais, representacións teatrais, personaxes medievais, danzas e animación itinerante
da man de Gaeloc, Bufón Vermello, Nazareth e La Trupete de Luisete ademais dun
recuncho infantil con xogos tradicionais, atraccións e unha exposición de antigos oficios.
Como xa é habitual, o Mercado Medieval coincidirá coa celebración do Mercamelide na
Rúa, reforzando a dinamización comercial e ofrecendo unha fin de semana na que historia, tradición, gastronomía e comercio compartirán protagonismo.
Programación
O Mercado Medieval abrirá as súas portas o venres 7 de agosto ás 19:00 horas co inicio da actividade no mercado e a chegada dos primeiros personaxes medievais. Ao longo da
tarde sucederanse a música e a animación itinerante a cargo de Gaeloc, as intervencións
de Bufón Vermello, as danzas medievais e o espectáculo Nazareth, a meniña do lume. A
xornada culminará con Cazadores de Dragóns, un espectáculo nocturno de lume e malabares.
PUBLICIDADE
O sábado 8 de agosto, o mercado abrirá ás 11:00 horas xunto co espazo infantil. Durante a mañá haberá pasarrúas, actuacións de rúa e outros espectáculos que ambientan a
xornada antes da hora do xantar, prevista para as 14:30 horas nas tabernas e cantinas.
Pola tarde, o mercado reabrirá ás 19:00 horas e o espazo infantil ás 19:30. A
programación continuará con gaitas, fanfarras, tambores, teatro, música e animación, e terá como momento destacado da noite o espectáculo ‘Cazadores de dragóns’, con Bufón
Vermello, Nazareth e Gaeloc.
O domingo 9 de agosto, o mercado e o espazo infantil abrirán ás 11:00 horas. A mañá
contará de novo con música, teatro de rúa, danza e animación, antes da hora do xantar.
Pola tarde, o mercado e o recuncho infantil reabrirán ás 18:30 horas e a programación
continuará con música e máis animación. O Mercado Medieval despedirase ás 21:45
horas cun pasarrúas final no que participarán todas as compañías.
Durante todo o mercado permanecerán abertos o espazo infantil con xogos tradicionais,
atraccións para os máis pequenos, e a exposición de antigos oficios.
PUBLICIDADE
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
O concelleiro de Comercio, Xosé Igrexas, destaca a importancia do Mercado Medieval e
subliñou que a súa coincidencia co Mercamelide na Rúa permitirá ofrecer unha fin de
semana de lecer, cultura e promoción do comercio local. “Desde o Concello seguimos
apostando por iniciativas que contribúan a dinamizar Melide, atraer visitantes e apoiar o
tecido comercial, ofrecendo ao mesmo tempo unha programación atractiva para persoas
de todas as idades”, sinala.
O Concello de Melide anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse á vila
durante esa fin de semana para gozar dunha programación pensada para todos os
públicos e descubrir o ambiente medieval, a gastronomía, a artesanía e o comercio local.








Comentarios