top of page

Medio Ambiente retirou "ilegalmente a protección dun territorio para favorecer a Altri"

O TSXG obriga á Xunta a recuperar a protección da zona na Estratexia da Infraestrutura Verde


Ecos da Comarca/A Ulloa

A Sala Terceira do TSXG vén de ditar sentenza, con data 13 de febreiro do ano en curso, na que estima a demanda interposta por Adega fronte á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e declara a nulidade parcial da Orde que aprobaba a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas.

Fonte: Adega.
Fonte: Adega.

Adega impugnou dita Orde porque "Medio Ambiente eliminou a prevista categorización como “zona de amortecemento” da área na que se pretendía implantar o proxecto de Altri, sen achegar explicación ningunha",explica o ente. A Sala acolle a argumentación de ADEGA e considera que o proceder da Xunta é contrario ao principio de non regresión en materia medioambiental, e declara que a administración autonómica non motivou nin xustificou o cambio de criterio a respecto da protección da zona en cuestión: “Así para realizar ese cambio e promover a desprotección deses terreos necesariamente a demandada tería que aportar unha especial motivación que xustificase dita desprotección con base nun interese xeral ou público, e revisado o expediente non consta ningunha motivación, extremo que é moi relevante por canto é contraditorio e sumamente estrano e sen motivación, por unha banda recoñecer a relevancia ambiental dese espazo e que posteriormente logo do trámite de información pública, se modifique dito recoñecemento”.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Cómpre salientar que, tal e como se sinala na Sentenza, a propia Estratexia define as zonas de amortecemento como aquelas nas que están presentes hábitats prioritarios e especies incluídas nos Catálogos de Especies Ameazadas. Son territorios que actúan como tapón entre a matriz da paisaxe e os corredores ecolóxicos e espazos naturais protexidos. Esta funcionalidade, en palabras da propia Sala, “corrobora a mención da parte recorrente de que gozan as zonas de amortecemento dunha especial protección por motivos medioambientais”. 


A sentenza falla que debe manterse a protección da zona tal e como figuraba antes do trámite de información pública, e, en consecuencia, obriga á Xunta a recuperar a consideración como zona de amortecemento da área de referencia na que se pretendía implantar o proxecto de Altri, lindante coa ZEC Serra do Careón.


A sentenza trunca a viabilidade ambiental da macrocelulosa de Altri

Esta decisión xudicial ten repercusións moi positivas para a defensa ambiental do país e, nomeadamente, para a preservación da Ulloa e da Serra do Careón fronte a ameaza de Altri. O fallo elimina calquera expectativa de que a macrocelulosa se implante na área prevista, e evidencia que a DIA (declaración de impacto ambiental) favorábel outorgada pola Xunta ao proxecto resulta nula, por non considerar a protección ambiental inherente á condición de zona de amortecemento ambiental do territorio pretendido por Altri. Adega resalta "a singularidade desta sentenza por ser o primeiro pronunciamento xudicial que compromete directamente a viabilidade ambiental da factoría de Altri en Palas de Rei", e non descarta que o fallo do TSXG fora o que precipitara o anuncio do arquivo do proxecto pola conselleira Lorenzana e o presidente Rueda. Ademais, "o fallo dificulta calquera tentación da Xunta de Galiza de pechar en falso a tramitación macrocelulosa de Altri coa intención de deixar abertas fendas administrativas á futura recuperación do proxecto".

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!
Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!

Denegación do proxecto e dimisión da conselleira

Á vista do contido desta sentenza, Adega esíxelle á Xunta "non só que resolva expresamente e desestime os procedementos de autorización ambiental integrada (AAI) e de concesión de augas de Altri, senón tamén que declare nula a DIA de marzo de 2025 e revogue a declaración proxecto industrial estratéxico de decembro de 2022".


A sentenza tamén pon de manifesto, máis unha vez, "o absoluto desprezo da Xunta polos procedementos administrativos legalmente previstos para a toma de decisións, así como a súa parcialidade sistemática en favor de intereses espúreos e contra o interese xeral e a protección do medio ambiente. En consecuencia, dende Adega pedimos a dimisión ou o cesamento da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, pola súa actuación neglixente e ilegal para favorecer o proxecto de Altri contra o interese xeral e a legalidade ambiental".




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page