María Victoria Taboada gaña o concurso de carteis do XXXII Festival de Bandas de Música de Galicia
- Laura Moure

- hace 8 horas
- 2 Min. de lectura
A veciña de Cumeiro deseñou un auténtico galo musical que representa a tradición das bandas na Festa Gastronómica do Galo de Curral de Vila de Cruces
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces falla o concurso de carteis para o XXXII Festival de Bandas de Música de Galicia. O cartel gañador foi creado por María Victoria Taboada Verde, veciña cruceña de 44 anos, natural da parroquia de Cumeiro.

María Victoria Taboada explica que a idea da creación artística xurdiu para representar da mellor forma posible ao certame de bandas da festa gastronómica, dando forma a un galo musical. Debuxou un auténtico galo de curral, coas mesmas cores, as plumas escuras da súa cola e crista impoñente da ave, rodeado de pentagramas musicais. “Como tradición na casa, o día do festival comemos capón e, pola tarde, imos ver ás bandas”, explica a gañadora. Aínda que sen formación artística, María Victoria Taboada é unha apaixonada do debuxo, unha arte herdada do seu pai, o escultor de pedra e madeira, José Taboada Sánchez.
PUBLICIDADE
O certame convocouse en tres categorías, por idades: de 0 a 16 anos, onde a gañadora foi Noa Pereira Silva, que recibirá 75 euros de premio; de 17 a 64 anos, tendo como gañadora a María Victoria Taboada Verde, que recibirá 150 euros de premio; mentres que a categoría de maiores de 65 anos quedou deserta. Ademais, as gañadoras recibirán un diploma e, a maiores, a vencedora final do concurso, María Victoria Taboada, será agasallada co cartel enmarcado que se lle entregará o mesmo día da festa.
PUBLICIDADE
O XXXII Festival de Bandas de Música de Galicia celebrarase o sábado, 30 de maio, na Praza do Concello (Praza Juan Carlos I), no marco da Festa Gastronómica do Galo de Curral deste 2026, considerada Festa de Interese Turístico Galego. O certame comezará ás 18:00 horas e contará coa participación da Banda de Música Unión Musical de Ponteledesma, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Banda de Música Artística de Merza.








Comentarios