María José Gómez avanza en Lalín un reforzo á promoción do mel de Galicia con selo de calidade
- Laura Moure

- hace 16 horas
- 2 Min. de lectura
A conselleira do Medio Rural participou na inauguración da V Feira Internacional de Apicultura Alvariza que se celebra a fin de semana en Lalín
Laura Moure/Lalín
A Xunta reforzará a promoción do mel de Galicia con selo de calidade diferenciada, co fin de ampliar o seu coñecemento tanto no ámbito nacional como internacional. Así o avanzou onte a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na inauguración da V Feira Internacional de Apicultura Alvariza que se celebra esta fin de semana en Lalín, dentro da programación de actividades da Feira do Cocido, e que está impulsada polo apicultor local David Liñares. A conselleira subliñou que este reforzo á promoción e á comercialización do produto galego enmárcase no paquete de medidas aprobado esta mesma semana no Consello da Xunta "para defender o sector primario da nosa comunidade ante as implicacións do tratado UE-Mercosur".

A titular de Medio Rural estivo acompañada neste evento polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o alcalde lalinense, José Crespo.
Neste contexto, Gómez puxo en valor o “papel fundamental” da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, un selo que -dixo- garante orixe, calidade e confianza para o consumidor. Asemade, reiterou o apoio “absoluto” da Xunta ao sector e lembrou que onte mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova orde de axudas para este eido produtivo, dotadas con 1,4 millóns de euros.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

A conselleira salientou ademais que “se alguén representa á perfección o espírito de Galicia Calidade” ese é o sector apícola da nosa comunidade, un eido “con moita proxección de futuro” e atractivo para que as novas xeracións se instalen no rural e atopen nel unha oportunidade laboral.
Neste mesmo sentido, fixo fincapé en que o eido apícola é “estratéxico” para Galicia, non só polo seu peso económico, dado que somos a terceira autonomía con máis explotacións, senón tamén polo seu papel esencial na conservación do medio ambiente e na preservación dos ecosistemas rurais. Remarcou ademais que a nosa comunidade é unha das que ofrece maior calidade e diversidade dentro de España. Isto, engadiu, combinado co coidado no proceso produtivo, fai que os meles galegos trunfen dentro e fora das fronteiras do noso territorio.
Publicidade
Proba dese éxito, afirmou a conselleira, é o feito de que os produtores acadaran máis de dez medallas de ouro e platino no concurso internacional Paris Honey Awards 2026 e que precisamente David Liñares fora galardoado cunha medalla de platino neste certame. Gómez trasladoulle os parabéns e animouno a seguir innovando neste sector.
Medio cento de expositores
A Feira Internacional de Apicultura Alvariza contará coa participación de arredor de medio cento de expositores, vinculados ao sector apícola e aos produtos derivados do mel. Entre eles atópanse empresas especializadas, produtores, provedores de material apícola e entidades relacionadas coa investigación e a innovación no sector.
Publicidade
A presenza de participantes procedentes de distintos puntos de Galicia e doutros territorios reforza o carácter internacional e profesional da feira, consolidándoa como un referente no ámbito apícola.








Comentarios