top of page

Mary Carmen Ruzo López, nova protagonista do programa (In) Visibles de Silleda

A súa traxectoria vital, cultural e voluntaria destaca polo compromiso coas persoas, a integración e a participación social


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda dedica este mes de xullo o programa municipal (In) Visibles a Mary Carmen Ruzo López, veciña de Silleda dende hai máis de tres décadas e unha muller cunha fonda implicación na vida social, cultural e solidaria do municipio.


A elección de Mary Carmen Ruzo, coñecida como Mary Carmen, faise coincidindo co Día Internacional da Esperanza, que se celebrou o domingo o 12 de xullo, e atendendo especialmente á súa faceta como voluntaria, unha labor que desenvolve tanto coa Cruz Vermella como co Concello de Silleda e que ela mesma define como unha das experiencias máis enriquecedoras da súa vida.

Nacida na Estrada o 12 de xaneiro de 1966, Mary Carmen reside en Silleda dende 1992, polo que leva xa máis de media vida vencellada ao municipio. Estudou EXB no colexio Pérez Viondi da Estrada e posteriormente BUP e COU no IES García Barros. Tamén iniciou estudos de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela e, ao longo da súa vida laboral, completou numerosos cursos presenciais e en liña, movida sempre pola súa curiosidade e polo desexo de seguir aprendendo.


A súa vida profesional desenvolveuse sempre de cara ao público, traballando en sectores como a perfumaría, a parafarmacia e, finalmente, nunha tenda de roupa. Esa experiencia de trato directo coas persoas é tamén unha das pegadas que marca a súa maneira de entender a vida: próxima, empática e atenta ás necesidades dos demais.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Na actual etapa vital, tras deixar a actividade laboral, Mary Carmen puido recuperar algunhas das paixóns que sempre a acompañaron, como a lectura, a escrita e o contacto coa natureza. En 2023 publicou o seu primeiro libro, Leliña, unha obra dedicada ás mulleres do rural dos anos 60. Ademais, escribe a diario nas redes sociais dende hai case cinco anos, convertendo a palabra nun espazo de expresión, memoria e sensibilidade.


A súa presenza na vida cultural de Silleda é tamén moi activa. Forma parte da compañía Enredos Teatro de Bandeira dende a súa creación e pertence á Coral Polifónica Trasdeza, na corda de soprano. A través do teatro e da música participa en proxectos colectivos que contribúen a manter viva a actividade cultural e asociativa do municipio.


Mais unha das facetas máis destacadas da súa traxectoria recente é a de voluntaria. Mary Carmen colabora impartindo clases de español e tamén axudou a varias persoas de orixe senegalesa a incorporarse á Coral Polifónica Trasdeza, favorecendo así non só a aprendizaxe do idioma, senón tamén a integración social a través da cultura e da convivencia.


Dende o Concello de Silleda saliéntase que a historia de Mary Carmen Ruzo encaixa plenamente co espírito do programa (In) Visibles, que busca recoñecer a mulleres do municipio cuxas vidas, achegas e compromisos merecen ser contados. No seu caso, a esperanza concrétase en xestos cotiáns: ensinar, acompañar, abrir portas, compartir tempo e tender pontes entre persoas. Con esta nova entrega, o programa municipal continúa poñendo o foco en mulleres que contribúen, dende distintos ámbitos, a facer comunidade e a construír un Silleda máis participativo, solidario e humano.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destaca que “Mary Carmen representa moi ben o espírito deste programa, porque é unha muller que achega, que suma e que fai comunidade dende a discreción, a xenerosidade e o compromiso diario”. Fernández pon en valor especialmente a súa labor como voluntaria, “un traballo que ás veces non se ve, pero que ten un impacto enorme na vida das persoas”. Neste sentido, sinala que “dar clases de español, acompañar a persoas que chegan ao noso municipio ou facilitar a súa integración en espazos culturais como a coral é unha forma fermosa e moi poderosa de construír convivencia”.


A rexedora engade que “Mary Carmen é exemplo de esperanza entendida non como unha palabra abstracta, senón como unha actitude: a de quen dedica tempo aos demais, abre portas e axuda a que outras persoas se sintan parte de Silleda”. Con esta nova entrega, o programa municipal continúa poñendo o foco en mulleres que contribúen, dende distintos ámbitos, a facer comunidade e a construír un Silleda máis participativo, solidario e humano. “Recoñecer a Mary Carmen é tamén recoñecer a todas esas persoas voluntarias que, co seu tempo e coa súa implicación, fan mellor a vida dos demais”, conclúe a alcaldesa.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page