É unha ruta cicloturista, federada e non competitiva que terá dous percorridos e é dunha dificultade física e técnica media-alta
Laura Moure/Monterroso
O Concello de Monterroso continúa a apoiar o deporte e dentro da programación deportiva do mes de setembro inclúese o V desafío San Miguel que organiza o club ciclista San Miguel en colaboración co Concello de Monterroso. A ruta que se levará a cabo é unha ruta cicloturista, federada e non competitiva que terá lugar mañá, domingo 18 de setembro, con saída dende a Cúpula de Monterroso.

A ruta defínese dentro dunha especialidade ciclista que concibe este deporte como un exercicio físico con fins de ocio e turístico ou culturais, excluíndo a competición. Ten unha dificultade física e técnica media-alta na ruta longa (48 quilómetros) e media na ruta curta (36 quilómetros), dos cales os primeiros catro quilómetros son neutralizados.
O itinerario discorre polos camiños e sendeiros da Comarca da Ulloa e da Ribeira Sacra xuntando unha excepcional beleza natural, potenciando e visualizando os recunchos contorna e especialmente os do propio municipio de Monterroso.
O Concello de Monterroso aporta 1.500 euros para este fin ademais de aportar medios materiais e humanos para un bo desenvolvemento da mesma. A alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas, destaca que se trata unha vez máis de apostar polas asociacións municipais e de apoialas non só economicamente, xa que son un pulo importante para a dinamización e visualización do noso Concello. Sinala ademais que con este tipo de probas non só se está a potenciar hábitos de vida saudables, senón tamén que se está a promover o concello de Monterroso como un lugar cunha riqueza paisaxística, turística e humana extraordinaria.
Apoio da Deputación
Este xoves tivo lugar a presentación desta cita no Pazo de San Marcos coa participación da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o presidente do club ciclista San Miguel de Monterroso, Xosé Antón Soengas, e outros membros da agrupación organizadora.
Máis dun centenar de persoas participarán nesta cita. “Dende a Deputación de Lugo estamos convencidos de que existe unha importante relación entre o deporte e o turismo”, sinalou a deputada. García Porto comentou que é a razón pola que desde a institución provincial “estamos apoiando dun xeito especial aquelas accións e actividades que apostan polo turismo activo e o turismo deportivo, xa que son verdadeiros polos de atracción de visitantes que valoran as nosas paisaxes, que lles gusta desfrutar do medio ambiente e que se deixan seducir polos marabillosos recunchos da nosa xeografía grazas ao deporte”.
“O deporte ten un efecto multiplicador de alcance transversal. O deporte, coma este Desafío San Miguel co que colabora a Deputación, é un aliado excelente da promoción do territorio e do turismo. Un reclamo que atrae visitantes á zona e que, polo tanto, axuda a fomentar a actividade da hostalería, do turismo e do comercio local”, engadiu a deputada, que animou a todas as persoas a participar nesta proba que pode conquistar de igual xeito a deportistas e afeccionados ás bicicletas.
O Desafío San Miguel comezará ás 9:30 horas da mañá do domingo.
Comments