Luis López convida á hostalaría de Deza a aproveitar as axudas da Xunta para a súa modernización
Laura Moure/Deza
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, convidou e animou aos establecementos turísticos de restauración e aloxamento das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes a que aproveiten “o potencial” da orde de axudas para a mellora destas infraestruturas turísticas, que vén de ser convocada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo cun orzamento global de 2 millóns de euros.
O representante autonómico informou este mediodía desta liña de subvencións, acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, nunha visita ao Pazo de Bendoiro, que foi
beneficiario deste programa o pasado exercicio cunha contía de máis de 23.000 euros –o
35% do investimento– para a instalación dunha carpa fixa de grandes dimensións e adquisición de cadeiras para a celebración de eventos. Cómpre lembrar que, na pasada
convocatoria, recibiron axudas desta liña catro establecementos das bisbarras, dous
pertencentes ao municipio de Lalín e outros tantos de Forcarei.

“Creo que Deza e Tabeirós-Montes teñen un enorme potencial no sector hostaleiro,
gastronómico e turístico, xa que é unha zona de referencia nos eidos paisaxístico e
natural, ten unha privilexiada localización xeográfica central, é líder en turismo rural e
conta con pratos recoñecidos internacionalmente, como o cocido, e outros moi destacados
como o salmón ou a caza, entre outros, polo que quero animar ao sector a que aproveite
este apoio da Xunta para mellorar o que necesite nos seus establecementos, siga
incrementando o elevado nivel das súas instalacións e servizos e manteña a Galicia, co traballo de todos, como destino de moda”, detallou Luis López.
Esta nova orde está orientada a establecementos turísticos de aloxamento e restauración e ten aberto o seu prazo de solicitude, que terá que presentarse a través da sede electrónica da Xunta, ata o vindeiro 7 de marzo.
Os locais interesados, que optarán a unha achega máxima de 50.000 euros, poderán
subvencionar actuacións de renovación ou modernización das súas instalacións, actuacións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, obras para a
obtención da certificación da Q de calidade ou o incremento de categoría, embelecemento da contorna, adquisición de equipamentos, aforro enerxético, climatización, dixitalización ou melloras de seguridade e saúde. “A Xunta inxectou máis de 120 millóns de euros aos locais turísticos cos Plans de Rescate, dos que 2,5 millóns foron para Deza e Tabeirós, co obxectivo de paliar as necesarias restricións da pandemia, pero agora que parece que vai quedando atrás, dende o Goberno galego seguimos colaborando co sector, como sempre fixemos, para impulsar a súa modernización co obxectivo de dispoñer dunha oferta turística da máxima calidade e competitiva”, explicou o representante autonómico, que concretou que esta liña enmárcase no Plan Camiña de apoio e para a reactivación do sector.








Comentarios