Luchi, Cruz Vermella e Julio de Correos foron elixidos Lalinenses do Ano 2021
- Laura Moure
- 18 dic 2021
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Lalín
Luis Iglesias Rodríguez “Luchi”, a Cruz Vermella en Lalín e a Julio López Rodríguez veñen de ser escollidos como Lalinenses do Ano 2021 por un xurado composto por preto dunha trintena de representantes de moi diferentes ámbitos nun encontro celebrado este xoves, tal e como informa o alcalde do municipio, José Crespo. "Nesta ocasión polos efectos que me causou a vacina non puiden presidilo e o mesmo lle pasou a tenente alcalde, Paz Pérez", sinala.
“Luchi” obtivo a distinción por unanimidade do xurado na categoría individual como Lalinense do Ano ao ser elixido como a persoa que máis se destacou en Lalín no ano que está a piques de rematar pola súa actividade creativa e solidaria ao longo de 2021 con proxectos como os Cabezudos de Laxeiro ou as Aldeas de Nadal que están a ter un notable éxito de asistentes. O xurado tamén reflectiu a colaboración con proxectos solidarios e a ampla traxectoria no mundo da representación, manexo, fabricación e coidado das marionetas e monicreques.
Cruz Vermella en Lalín obtivo a distinción na categoría de colectivo polo seu traballo colaborativo que levou a cabo durante a pandemia para, xunto a outros colectivos e entidades, atender as necesidades dos veciños de Lalín.
E na categoría de Toda unha vida o xurado outorgou o premio por unanimidade a Julio López Rodríguez, Julio de “Correos”, pola súa dilatada traxectoria no apoio a prol de cuestións culturais e sociais desde colectivos como o Casino de Lalín, a Residencia Nosa Señora das Dores, o Padroado Cultural e a Banda de Lalín. Un traballo desinteresado que continúa realizando na actualidade.
A todos eles entregaráselles este merecido premio o 26 de decembro no Concerto de Fin de Ano.

Comments